A concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, amosa a súa satisfacción pola boa acollida que tivo na Luaña a primeira das actividades que compoñen o programa “Brión cultural”, unha iniciativa artellada polo Concello con representantes do sector cultural brionés para levar espectáculos gratuítos e de pequeno formato polas distintas parroquias do municipio.
Luís Vallecillo foi o encargado de abrir a programación con “Cantamos”, un espectáculo de música infantil e familiar baseado no seu audiolibro do mesmo nome. “Contamos coa participación de numerosas familias da zona, que desfrutaron da actuación coas súas crianzas ao tempo que mantiñan a distancia de seguridade e cumprían todos os protocolos de seguridade establecidos polas autoridades sanitarias”, explica Sandy Cebral.
Mañá venres 11 de setembro, ás 18:00 horas, Títeres Alakrán presentará na parroquia dos Ánxeles o seu “Circo Galaico”, onde os acróbatas e malabaristas serán animais da fauna galega coma o xabaril, o logo ou a pita de monte. E para a fin de semana, Brión acollerá o humor de “Cartóns”, de Produccións Teatrais Excéntricas, o sábado 12, ás 18:00 horas; mentres que o domingo 13 haberá dobre programa ás 18:00 horas: Charo Pita porá en escena “A familia Papaventos” en Bastavales; mentres á mesma hora A Xanela do Maxín fará o propio con “A viaxe de Saira” en Viceso.