Fene iniciou hoxe, igual que o resto de Galicia, o regreso escalonado ás aulas. Un primeiro día no que xa se empezaron a aplicar os protocolos deseñados por cada centro de ensino para minimizar a posibilidade de contaxios do coronavirus. Este primeiro día no que empezaron as crianzas dos primeiros cursos de Educación Infantil e Primaria -o resto farano mañá e en secundaria a partir do 16-, veu marcado tamén por unha convocatoria de folga que tivo un seguimento desigual nas escolas fenesas. Nelas o Concello levou a cabo traballos de conservación e mantemento cifrados en 21.337 euros que quedarán practicamente listos entre hoxe e mañá.
As obras desenvolvéronse nos colexios de Educación Infantil e Primaria, posto que o mantemento dos que contan con alumnado de Secundaria ou Formación Profesional é competencia exclusiva da Xunta, quen tamén debe asumir en todos os centros de titulariedade pública as obras maiores de reparación.
Así debería ter sido, por exemplo, no CEIP Plurilingüe O Ramo, onde a Consellaría de Educación substituíu as fiestras e, en cambio, deixou sen arranxar os desperfectos das soleiras. De feito, hai tan só unhas semanas desprendéronse varios anacos de cemento que obrigaron ao Concello a actuar de urxencia para evitar riscos. Nesta obra en concreto -solicitada tamén pola ANPA- o consistorio faise cargo duns custes de 12.000 euros, cos que se sanearon as soleiras de todos os ventanais ás que agora só falta por darlles unha man de pintura. En canto á mellora do equipamento, o Concello tamén comprometeu o pintado do ximnasio.
A maior parte dos traballos de conservación refírese ao adecentado de aulas e a arranxos menores. Neste sentido, no CEIP Centieiras pintáronse as clases de Infantil -nunha delas botouse un novo chan- e tamén as paredes do ximnasio. Ademais, o Concello tamén ten un proxecto de 40.000 euros para as obras de ampliación do comedor que, previsiblemente, se executarán durante as vacacións do Nadal.
Os departamentos de Servizos e Ensino tamén tiñan anotado no seu listado o repintado das aulas do CEIP Os Casais, que finalmente non se puido levar a cabo por causa das filtracións de humidade que se producen en varios puntos do edificio. O problema vén de vello e xa se lle trasladou á Xunta en varias ocasións, co obxectivo de que a Consellaría de Educación acometa as obras de reparación necesarias.
Os outros dous centros onde actuou estes días o Concello foron o CPI A Xunqueira e a escola unitaria de Sillobre. No primeiro caso non houbo obras no interior do edificio, pero si fóra, onde se aglomerou o aparcadoiro e se acondicionaron os alcorques do arborado que o delimita. Tamén se acordou coa dirección do colexio o pintado do patio exterior para delimitar os espazos para a rapazada durante os recreos. Por último, na escola de Sillobre o labor municipal centrouse no mantemento dos espazos axardinados e na limpeza do contorno, xa que as instalacións se encontran en bo estado.
Desinfeccións
Neste arranque do curso, o Concello tamén deberá facerse cargo das desinfeccións matinais dos centros de Infantil e Primaria. Segundo os protocolos, durante a xornada lectiva será necesario acometer ata tres desinfeccións en lugares onde pode haber contactos, como son manillas de portas, varandas ou aseos.
Esta medida obrigou á área de Seguridade e máis á empresa adxudicataria das limpezas a reordenar o servizo e, neste sentido, desde a alcaldía envióuselle hai uns días unha carta á Consellaría de Educación expresándolle o malestar municipal por ter que asumir unha nova responsabilidade en relación coa xestión da COVID-19 sen que por parte da Xunta se acheguen recursos económicos para cubrir os seus custes.