Máis de 3.600 familias e negocios poderán beneficiarse deste servizo, que mellorará as comunicacións
Máis de 3.600 fogares e empresas de Padrón terán proximamente acceso á internet a través da tecnoloxía de fibra óptica. O Concello de Padrón xestionou e colaborou con dúas empresas do sector da telefonía –Orange e Telefónica- para o desenvolvemento deste proxecto. O Executivo local fixou un prazo de aproximadamente tres meses para rematar este plan mediante o que a cidadanía de Padrón accederá ás comunicacións fixas máis avanzadas do mercado. O concelleiro de Servizos,
Ángel Rodríguez, explicou que “investir en telecomunicacións é moi necesario, xa que numerosas actividades do noso día a día hoxe ocorren a través de internet, e incluso o éxito de moitas empresas dependen desta plataforma.
Dende o Concello de Padrón buscamos facilitar en todo momento a vida da cidadanía desta vila, e iso implica adaptarse aos novos tempos.”
Esta iniciativa desenvolverase en numerosos lugares do Concello, practicamente todo o centro terá acceso a esta rede, ao igual que lugares como A Igrexa, Herbón, Extramundi de Abaixo, Vilar, Berxaos, Outeiro, Rial, Ribadulla, Sande, Sinde, Sobrerrivas, Baiuca, Vigo, Cortiñas, Rego da Manga, Santa Cruz, Aduana, Barco, Cambelas, Paraíso, Pousa, Rueiro, Calzada, e Lamas. Este mapa previsto no Plan actual poderá ampliarse posteriormente a máis zonas do municipio, tal como solicitou o executivo local.
Recentemente, o concelleiro de Servizos mantivo unha reunión co director territorial de Relacións Institucionais de Orange na zona norte para coñecer o estado da instalación deste sistema no casco histórico de Padrón. O responsable da compañía en Galicia explicou que realizarán o 95% do despregue por canalización existente, e apuntou que fixeron unha inversión de 465.000 euros para esta iniciativa. Pola súa banda, o equipo técnico de Telefónica detallou que, no seu caso, tamén priorizaron o canleado a través das canalizacións subterráneas. E só nos casos nos que non existise canalización dispoñible, o despregue se realizará por tendidos aéreos por postes ou en trazados por fachada.
A instalación desta rede é gratuíta para o Concello e a cidadanía, e non supón ningún compromiso de contratación posterior dos servizos por parte dos habitantes de Padrón. Ademais, as dúas operadoras de telefonía quixeron evitar molestias aos residentes, e por iso minimizaron ao máximo a obra civil que están desenvolvendo.
A fibra óptica implica unha gran velocidade na transmisión de datos, permite recibir varias canles simultaneamente e, grazas a que o sinal é inmune as interferencias externas, a súa calidade e a súa capacidade son excelentes. Asemade, o seu sistema é o máis seguro na transmisión de datos.
Vantaxes da fibra óptica
O despregue de banda ancha supón unha serie de beneficios para a cidadanía e o tecido empresarial de Padrón, especialmente, para o desenvolvemento económico da vila. O obxectivo é que esta iniciativa poda xerar un efecto positivo sobre a produtividade da economía padronesa. En consecuencia, a fibra pode frear a despoboación das zonas menos desenvoltas e pode reverter a situación de decrecemento demográfico. Na actualidade, dada a situación xerada pola pandemia da Covid-19, o teletraballo é unha necesidade para as empresas, polo que este tipo de medidas tamén contribúen a fomentar e a facilitar os hábitos e as relacións laborais actuais.