Friday 22 de November de 2024

Clausura do campamento de conciliación da Pobra


Hoxe chegou á súa fin o campamento de conciliación que se estivo desenvolvendo ao longo de todo o verán e ata a véspera do inicio do curso escolar. Para tal ocasión, os pequenos e pequenas realizaron diversas actividades como, por exemplo, ve-la película de Coco e face-la maqueta dun rinoceronte. O dito servizo prestouse no C.E.P.

Salustiano Rey Eiras, posto en marcha por quinto ano a través da Concellaría da Igualdade do Concello da Pobra do Caramiñal. Ademais, incluíu o Servizo de Madruga e comedor para lles dar maiores facilidades ás familias usuarias.
No que respecta ao seu funcionamento, este campamento, o cal durante toda a época estival contou con 65 nenos e nenas, non se limitou unicamente á localidade, pois tamén puideron facer uso del familias de municipios limítrofes e, incluso, aquelas que viñeron gozar da comarca.
Xunto coas cinco monitoras e o coordinador, os cativos e cativas, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, desenvolveron diversas actividades cunha vertente educativa e lúdica adaptada a cada rango de idade.
Cómpre lembrar que, a maior parte do tempo, sempre que a climatoloxía o permitía, as propostas estaban focalizadas en aularios exteriores para evitaren permanecer en espazos pechados por mor do coronavirus. Unicamente se desprazaban ao interior do centro educativo para faceren uso da Internet e das tablets. Estes 20 dispositivos adquiridos pola Administración local permitíronlles socializar a través de xogos de mesa e de lóxica, todos eles virtuais. Seguindo o protocolo de seguridade establecido por mor da COVID-19 empregouse en todo o momento a máscara e mantívose a separación.