Saturday 16 de November de 2024

O concello traerá a Ribeira a obra gañadora do segundo certame de Teatro Manuel María tras alcanzar un acordo coa súa fundación


O Concello de Ribeira e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos veñen de selar un convenio en virtude do cal a nosa administración convértese en entidade colaboradora da segunda edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.
Deste xeito o novo espectáculo que resulte gañador na presente edición —baseado nunha obra do ilustre escritor galego— recalará na nosa cidade ben en 2021 ou ben en 2022, coincidindo co período de vixencia desta convocatoria de carácter bienal. Como compromiso do Concello figura a aportación non superior aos 2.700 euros e que se corresponderá co caché dunha función da obra que resulte galardoada.
Cómpre destacar que na primeira edición a peza elixida foi “O meu mundo non é deste Reino. Farsa de Bululú” dirixido por María Peinado a cargo de Anxo García e Fran Lareu, de Teatro do Andamio, representada en decembro de 2019 no marco da Mostra de Teatro de Ribeira.