Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño xa está dentro de “Vilas en flor”


 

O programa “Vilas en Flor”, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes, chega este ano á súa terceira edición con doce novos concellos participantes confirmados. San Sadurniño entra por primeira vez na lista de participantes, xunto cos concellos de Cambados, Fene, Guitiriz, Lalín, Narón, Pontedeume, Sada, Salceda de Caselas, Sarria, Ames e Tui. Desta forma, xunto cos integrantes do certame de 2019 xa son 28 os competidores á procura das flores -no concurso outórganse un máximo de cinco- que avalan a súa aposta pola integración do verde en todos os espazos públicos, pero tamén a posta en práctica de políticas ambientais que se poñen en prácticampliar aínda máis este movemento de ámbito estatal e internacional coordinado en Galicia pola Fundación Juana de Vega. O xurado visitará San Sadurniño nas próximas semanas para facer a avaliación de todas as accións desenvolvidas, algunhas delas tan novidosas como o programa San Sadurniño en Flor.

San Sadurniño ten unha ampla relación co mundo da flor e das plantas. Aquí temos catro viveiros dedicados a producir plantas, flores, herbas aromáticas e ata árbores froiteiras. E non é de agora, senón que a actividade viveirista vén de décadas atrás e, de feito, a Feira da Plantación naceu como escaparate de todo ese potencial.

Na nota remitida aos medios pola Fundación Juana de Vega destácase a relación do territorio coa flor e a planta, pero tamén a relevancia dos xardíns municipais e as liñas de traballo emprendidas polo Concello para a reactivación do medio rural e a conservación do patrimonio natural, nomeadamente a través da horta de conservación Carlos Fornos “que acubilla case 200 variedades de froiteiras en risco de desapareceren propias das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal” e tamén do Arboreto de especies autóctonas da Cortiña, que reproduce a pequena escala “7 bosques autóctonos de Galicia, con paneis informativos sobre os grupos boscosos e algunhas das especies existentes”.

Estes dous recursos encóntranse no contorno da ZEC Xubia-Castro, da Rede Natura 2000, e están inseridos no catálogo da paisaxes do Golfo Ártabro como Área de especial interese paisaxístico Pazo da Marquesa-Xubia. Alén deles, a Fundación engade que San Sadurniño “tamén promociona o desenvolvemento sostible a través de diferentes programas como o de recuperación de espazos públicos coa flora como elemento fundamental ou a aposta polo Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, turístico e relacionado coa sustentabilidade que nestes momentos aspira a obter o distintivo Global Geopark da UNESCO, entre outros”.

Estes elementos “xunto coa participación activa dos seus habitantes na mellora visual e ambiental do seu municipio, adornando as súas vivendas e xardíns con flores e plantas”, converteron o noso territorio nun dos novos participantes desta terceira edición do programa “Vilas en Flor”, que fallará os seus premios anuais, seguramente, a mediados do outono.

O programa
“Vilas en Flor” persegue incentivar a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.

As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Ao longo do último trimestre do ano un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá cales son merecedores de algunha distinción así como de subir ou baixar o número de flores que alcanza cada concello ata un máximo de cinco.

Este ano incorporáronse ao certame unha ducia de municipios galegos que, xunto cos de 2019, elevan a 28 o total de participantes. Os novos son San Sadurniño, Cambados, Fene, Guitiriz, Lalín, Narón, Pontedeume, Sada, Salceda de Caselas, Sarria, Ames e Tui, que se suman a Allariz, Caldas de Reis, Chantada, Salvaterra de Miño, Betanzos, Culleredo, Cuntis, Tomiño, A Guarda, Carballiño, Gondomar, Mondoñedo, Ortigueira, Ponteceso, Portomarín e Baiona.–