A través deste proxecto, acometeuse a renovación do pavimento da vía interior principal
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Boiro para supervisar o resultado dos traballos subvencionados pola Consellería de Economía e Industria no polígono de Espiñeira, que supuxeron un investimento de 95.600 euros, é dicir, o 80% do custe total. Estivo acompañada polo alcalde do municipio, Juan José Dieste.
A actuación cofinanciada entre as administracións autonómica e municipal consistiu en paliar o mal estado de conservación no que se atopaba a vía interior principal do parque empresarial co fin de mellorar a seguridade e favorecer os desprazamentos dentro do polígono. Deste xeito, procedeuse á limpeza da explanada e a posterior aplicación dunha nova capa de rodadura a base de aglomerado asfáltico en quente de espesor de cinco centímetros. Ademais, levouse a cabo a reposición dos servizos existentes. O tramo de actuación conta cunha lonxitude de 1.250 metros lineais, cunha traza de 8,5 metros de ancho.
Do Campo indicou que esta axuda enmárcase no programa de apoios impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais, que no caso do de Espiñeira, en Boiro, concentra 42 empresas distribuídas nos 323.050 metros cadrados de superficie cos que conta. “A través destas liñas de subvencións impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.
En total, 21 concellos da provincia da Coruña beneficiáronse en 2014 destas subvencións, que suman un investimento de 1,8 millóns de euros. En toda Galicia, o programa consignou 4,2 millóns de euros, “configurando un dos orzamentos máis importantes desde a súa posta en marcha”, destacou a delegada territorial. As iniciativas obxecto de subvención abarcan eidos diversos, como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.