O Concello realizou todas as xestións e as súas alegacións foron aceptadas, pero a Xunta sinala que o contrato da liña está pendente de adxudicar
O Concello de Miño presentou fai máis dun ano as súas alegacións ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia para favorecer aos veciños que son alumnos do IES Breamo, en Pontedeume, instituto de referencia no municipio. O obxectivo consistía en que se efectuase unha modificación dos horarios da liña A Coruña – Ferrol para permitir que fose utilizada polos escolares.
Estas peticións do Concello foron aceptadas en decembro de 2019 pola Xunta de Galicia. Con todo, a día de hoxe, non realizou a correspondente variación no servizo.
O goberno local contactou co Servizo de Mobilidade, na Xefatura Territorial da Xunta, para coñecer a situación. A súa resposta foi que a liña 50, Miño a Pontedeume, atópase dentro dun novo contrato pendente de adxudicar e avanzaron que probablemente isto non se produza antes de decembro. Ademais, engadiu que unha vez isto suceda aínda haberá que solicitar o cambio de horarios.
Por tanto, o Concello de Miño informa as familias afectadas que de momento non dispoñerán de transporte público para acudir ao IES de Pontedeume. O goberno municipal realizou todas as xestións oportunas, pero a tramitación por parte da administración autonómica aínda non permitiu a modificación.
O goberno local lamenta que a pesar da aceptación das alegacións non se actuou coa celeridade suficiente e que os escolares de Miño non poidan iniciar o curso dispoñendo dun transporte público adaptado ás súas necesidades diarias.