Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene iluminarase de verde con motivo da Semana das Enfermidades Mitocondriais


As enfermidades mitocondriais son un conxunto de doenzas xenéticas que lle afectan á produción de enerxía dentro das células do organismo. Están dentro das consideradas como enfermidades raras e, polo momento, non hai tratamento para elas malia ser orixe de problemas de saúde crónicos, dexenerativos e altamente discapacitantes que en boa parte dos casos teñen un desenlace fatal. As enfermidades en si teñen unha incidencia inferior a 5 casos por cada 10.000 habitantes, pero estímase que polo menos unha de cada 200 persoas ten a mutación xenética que incrementa o risco de padecelas. Do 13 ao 19 de setembro celebrarase en todo o mundo a Semana das Enfermidades Mitocondriais impulsada polas asociacións de persoas afectadas como demanda de maiores esforzos en investigación na procura dun tratamento. Para iso iluminaranse coa cor verde do movemento numerosos monumentos e espazos públicos, entre eles a fachada da Casa do Concello de Fene.
A enfermidade mitocondrial é unha desorde xenética debilitante que lle afecta á capacidade das células para xerar a enerxía que precisan distintas partes do corpo. Non hai unha única tipoloxía nin tampouco síntomas xerais, senón que se trata dunha doenza que pode atacar a un ou varios órganos e a calquera idade, causando múltiples disfuncións e mesmo a morte.

Ademais de tratarse dunha enfermidade de baixa prevalencia -menos de 5 casos por cada 10.000 habitantes-, tamén é unha grande descoñecida para a maioría da poboación, a pesar de que na actualidade sexa a segunda doenza xenética que máis se diagnostica, só superada pola fibrose quística.

Segundo a web da Semana Internacional da Enfermidade Mitocondrial, existen investigacións que relacionan as disfuncións mitocondriais con doenzas como o Alzhéimer, o Párkinson e distintos tipos de cancro. Consideran que enfocando a investigación nas mitocondrias -a parte que prové de enerxía ás células- se poderían atopar tratamentos eficaces e curas para a enfermidade, pero tamén para esoutras que si lles afectan a millóns de persoas.

A reivindicación de máis fondos e esforzos para dar cun tratamento faise realidade todos os anos durante unha semana en que se iluminan de cor verde monumentos e espazos públicos por todo o mundo.

A Concellaría de Servizos Sociais de Fene súmase este ano ao movemento tinguindo de luz verde a fachada do Concello desde a noite do domingo 13 de setembro. Deste xeito Fene expresa o seu apoio á Asociación de Enfermos de Patoloxías Mitocondriais (AEPMI) e tamén manifesta a súa reclamación de que se destinen recursos á investigación tanto desta doenza xenética como de todas aquelas consideradas como raras.

Nas redes sociais calquera persoa pode unirse á reivindicación utlizando o lema internacional #lightupformito.