O colectivo da Nova Poesía Guitirica volve colaborar coa Concellaría de Igualdade de San Sadurniño na organización do IV Recital de Poesía en Feminino, que terá lugar no patio interior da Casa do Concello o sábado 19 de setembro a partir das 17.30h. O encontro pretende darlle visibilidade á muller a través da creación literaria en verso desde múltiples puntos de vista: a muller creadora, a muller protagonista, a muller empoderada que se reivindica a través da palabra… a igualdade, en definitiva, para a que se precisan espazos coma este onde escoitar a súa voz e a de calquera persoa comprometida co necesario cambio da sociedade. Faltan aínda case dúas semanas, pero cómpre ir anotándose xa para unha cita que terá aforo limitado.
Esta cuarta edición do encontro adaptouse ás medidas preventivas reducindo o número de poetas que van intervir, de maneira que quede máis espazo para o público no patio interior da Casa do Concello.
Acudirán nomes habituais e algún novo: Luz Campello, Pilar Maseda, Luz Airado, Eugenia Manuela Sanmartín e a poeta local Xela Barro. Ademais tamén está convidada a intérprete Sussi Méndez Vilaseca, quen ambientará ao piano todas as declamacións. O acto abrirano Ana Belén Breixo e Antón de Guizán, integrante e un dos promotores do movemento NPG.
O evento está aberto a públicos de calquera idade, aínda que será obrigatoria inscrición previa para controlar o aforo máximo do recinto. Hai que chamar ao 981 490 027 ext.1 ou enviar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.
Ler Conta Moito e Arte Ambulante este sábado
Antes do encontro coa poesía en feminino temos outras dúas citas ás que atender este mesmo sábado. Ás 12.00h. inaugurarase na Casa do Concello a exposición colectiva do proxecto Arte Ambulante. A mostra xunta obras de Eugenia Cuéllar e Juan de la Colina (pintura); Jesús Caballero e David Catá (fotografía); Iria do Castelo e Mauro Trastoy (escultura); Félix Fernández e Belén Montero (vídeo); Cillas Rodríguez e Ana Cabanes (instalación).
Trátase de pezas que se repartirán entre a casa consistorial e a Casa da Cultura, traídas ata San Sadurniño pola asociación de artistas profesionais A Colectiva dentro dunha iniciativa financiada pola Deputación da Coruña coa que se busca achegar a arte contemporánea ás zonas rurais. A inauguración do sábado irá seguida dunha visita guiada para a que se precisa reserva previa no 981 490 027.
Pola tarde, entre as 16.00h e as 19.00h. desenvolverase a primeira xornada do curso dirixido por Jesús Caballero Varela sobre fotografía de grande formato para retratos en exterior, paisaxe e arquitectura. O obradoiro proseguirá o domingo pola mañá, entre as 10 e as 13.00h. É gratuíto e fai falla inscrición tamén a través do 981 490 027.
Por outra banda tamén cómpre lembrar que o sábado ás 18.00h. o programa de animación á lectura Ler Conta Moito nos trae aos xardíns municipais o espectáculo de contacontos “Travesías”. Trátase dunha representación para público familiar con nenas e nenos a partir de 3 anos. Os contos de heroes que salvan princesas en apuros tornan en narracións cheas de aventuras protagonizadas por nenas e mulleres bravas que loitaron e venceron prexuízos para conseguiren os seus soños. Hai que reservar localidade enviando un correo a anagavinmerlan@gmail.com, chamando ao 652 814 144 -de luns a venres de 10 a 15.00h.- ou o mesmo día por orde de chegada.