Saturday 16 de November de 2024

O Concello fomentará a través dun convenio con Cimega a cultura da mediación como sistema para solucionar conflitos


A entidade sen ánimo de lucro levará a cabo actividades de formación e difusión da mediación na cidade

O Concello da Coruña ven de asinar un convenio co Círculo de Mediación de Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fin a resolución de conflitos empregando a mediación como alternativa á vía xudicial.
A entidade ten colaborado coa Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, que dirixe Yoya Neira, durante o tempo de confinamento decretado durante a pandemia do Covid-19, período no que a asociación implicouse na resolución de máis de un centenar de conflitos veciñais na cidade.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, asinou esta mañá o convenio de colaboración coa presidenta da entidade, Mercedes Sierra Fernández-Victorio, acordo mediante o cal o Concello achega 15.000 euros para contribuír á difusión e formación en mediación na cidade en distintos ámbitos. “A difusión da cultura da mediación terá efectos moi positivos e vai en liña coa idea global do goberno que preside Inés Rey de defensa do diálogo e a busca de acordos”, indicou Lage Tuñas.
Pola súa parte, Mercedes Sierra amosou a súa satisfacción pola posibilidade que lles brinda o convenio para difundir os valores da mediación: “Aforra tempo e desgustos e e as persoas senten máis apoiadas si poden chegar a un acordo”, indicou.
O obxectivo do convenio é o de “sentar as bases para facilitar accións municipais mediante a difusión, o coñecemento, a formación e a capacitación das persoas partícipes e destinatarias dun futuro servizo que facilite a actuación municipal a través de mediación como vía de pacificación necesaria e frutífera que se ofrece á cidadanía”, indica o texto do acordo.