Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión artella co sector cultural local un programa especial con actividades para os próximos meses


“Brión coa cultura” inclúe doce espectáculos de pequeno formato que terán lugar nas parroquias do municipio do 9 ao 20 de setembro
O Concello de Brión vai poñer en marcha, do 9 ao 20 de setembro, o programa “Brión coa cultura”, unha iniciativa artellada nas últimas semanas con representantes do sector cultural brionés e que levará doce espectáculos gratuítos e de pequeno formato polas distintas parroquias do municipio. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, explica que “mantivemos varias reunións con representantes do sector cultural local, que é do máis numeroso e variado da contorna, para elaborar unha programación de actividades para os vindeiros meses”.
Un programa no que as parroquias serán as protagonistas, con espectáculos de pequeno formato para poder cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias nestes tempos. “Brión coa cultura” inclúe un total de 12 actuacións, do 9 ao 20 de setembro, todas elas ás 18:00 horas coas excepcións das actuacións musicais de Ruth Cundíns (13:00 horas), Chupadeskay e Nastasia Zürcher / Adrián Saavedra (20:00 horas). Unha programación e horarios que están suxeitos á evolución da pandemia, polo que poderían verse alterados, e que terá continuidade ao longo do último trimestre do ano.
“A pandemia da Covid-19 motivou a suspensión de todas as actividades culturais e supuxo un duro golpe para o sector cultural, moi importante neste concello. Dende ese momento, no Departamento de Cultura de Brión comezamos a traballar co obxectivo de aprazar no tempo esas actuacións que tiñamos programadas para non ter que suspendelas”, apunta Sandy Cebral.
Programa
Luís Vallecillo será o encargado de abrir a programación este mércores 9 de setembro na Luaña co seu espectáculo “Cantamos”, unha iniciativa de música infantil e familiar baseado no audiolibro do mesmo nome. O xoves 10 será a quenda de Os Quinquilláns, que en Ons porán en escena “Por que é salgada a auga do mar”, un espectáculo teatral no que Luís e Antía levarán á rapazada brionesa ao fondo mariño.
Títeres Alakrán presentará o venres 11 nos Ánxeles o seu “Circo Galaico”, onde os acróbatas e malabaristas serán animais da fauna galega coma o xabaril, o logo ou a pita de monte. Na fin de semana do 12 de setembro, Brión acollerá o humor de “Cartóns”, de Produccións Teatrais Excéntricas; mentres que o domingo 13 haberá dobre programa: Charo Pita porá en escena “A familia Papaventos” en Bastavales; mentres a mesma hora A Xanela do Maxín fará o propio con “A viaxe de Saira” en Viceso.

Á semana seguinte, o mércores 16 está programada a divertida obra “Saaabor”, de Fran Rei, en Ons. O xoves 17, Títeres Alakrán presenta na Luaña “Os soños na gaiola”. O venres 18 de setembro, música por partida dobre: ás 18:00 horas “Música Miúda en concerto!” nos Ánxeles e ás 20:00 horas con Nastasia Zürcher e Adrián Saavedra, en Brión. O programa péchase o domingo 20 de setembro con outra dobre ración musical: ás 13:00 horas en Viceso con Ruth Cundíns; e ás 20:00 horas en Bastavales co rock de Chupadeskay, co disco de presentación deste grupo local.