Thursday 21 de November de 2024

Vimianzo foi elixido como destino turístico por máis de 18.000 persoas durante os meses de xullo e agosto


O Castelo de Vimianzo foi o lugar máis visitado, xa que ata alí se desprazaron 12.344 persoas durante estes dous meses

Vimianzo foi elixido como destino turístico por máis de 18.000 persoas durante os meses de xullo e agosto. O Castelo de Vimianzo foi o emprazamento que tivo maior demanda, xa que ata alí se achegaron 12.344 persoas durante estes dous meses. As visitas guiadas impulsadas desde o departamento de Turismo contaron con 4.792 usuarios e os Batáns e Muíños de Mosquetín, que contaba con visitas guiadas e demostracións do funcionamento do muíño de venres a domingo, e á que 1524 persoas.
Ademais do propio Castelo e dos Batáns, que son os referentes, funcionaron tamén moi ben a visita ao dolmen de Pedra cuberta, dando pe a que moita xente fixese logo a Ruta dos dolmens; a de Cereixo, que era unha das novidades e tamén contou cunha gran porcentaxe de participación; e a da vila de Vimianzo, que levou a case medio milleiro de persoas a percorrer as rúas do municipio.
Desde o Concello de Vimianzo fíxose unha forte aposta pola posta en valor do patrimonio natural e cultural do municipio, dobrando o persoal e ampliando o horario de moitas das súas actividades. O 60% dos visitantes chegaron doutros puntos da Península, namentres que o 40% restante resultou ser galego.
Os sábados foron días dedicados ao sendeirismo, con tremendo éxito de convocatoria, completando sempre os grupos co máximo de visitantes permitido pola normativa na situación actual. Este traballo quedou consolidado, xa para todo o ano nunha nova ruta de sendeirismo con sinalización permanente: o Vieiro Fidalgo e a próxima sinalización tamén da ruta dos Penedos de Pasarela e Traba.
O balance, apuntan desde o Concello, é ‘tremendamente positivo a pesar dun verán un tanto atípico, marcado pola pandemia mundial. Fixemos un gran esforzo por achegarlle á xente o máis relevante do noso panorama cultural e natural, e a verdade é que obtivemos unha resposta máis que positiva’, anotan.
Entre as actividades que se levaron a cabo durante o verán, destacan as sete visitas guiadas de balde ao día en diferentes enclaves, de martes a domingo; as visitas continuadas nos Batáns, de venres a domingo; o reforzo das visitas nas fines de semana no Castelo de Vimianzo; as visitas teatralizadas no Castelo os domingos ou á actividade ‘Paisaxes de Vimianzo’ dos sábados pola mañá.
Desde o Concello de Vimianzo lembran que aínda queda unha visita teatralizada o domingo 13 de setembro, en horario de 12:30 horas e 17:00 horas para a que se pode reservar praza en turismo@vimianzo.gal.