A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, encabezaron un acto en que os netos do xogador, Ramón e Alejandro, lles agradeceron o xesto e para o que trouxeron a medalla de prata, fotos e un maletín co que se desprazou o seu avó na viaxe a Amberes e que tiña aínda as pegatinas dos hoteis onde se aloxou
Familiares do primeiro medallista olímpico coruñés, Ramón González, recibiron esta mañá no salón de plenos un distintivo por parte da alcaldesa, Inés Rey, ao cumprirse cen anos daqueles xogos que se
celebraron en Amberes en 1920, onde o dianteiro e mais a selección española se proclamaron subcampións. Os seus netos Ramón e Alejandro trouxeron ao Concello a medalla de prata, unhas fotografías do xogador e o maletín co que viaxaban todos os membros do equipo, que aínda tiña as pegatinas dos hoteis nos que se aloxaron.
A rexedora recordou no acto de homenaxe en que tamén estivo presente a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, que naqueles tempos, os futbolistas viaxaban en terceira clase e non recibían atención especiais “como o noso Ramón, que se trasladou a Bélxica con febre, non fora ser que no traxecto se curase e puidese situarse na liña de gol”. Rey engadiu que non foi posible e que o xogador estivo durante toda a competición no hospital, pero que o condecoraron igual que ao resto do equipo para gañar anos máis tarde o primeiro título da historia do club co Deportivo.
A alcaldesa reivindicou diante dos seus netos a gran traxectoria de Ramón González e a súa condición de pioneiro do fútbol galego “nun momento en que os xogadores eran uns traballadores do balón e defendían as cores sen haber polo medio contratos millonarios”. Rey repasou algún dos seus importantes logros como aquel primeiro derbi galego que xogou co Deportivo e que se saldou en 1927 cunha victoria dos coruñeses por 3-0, “foi o máximo goleador do seu tempo, aínda que daquela non había trofeo Pichichi porque Pichichi aínda estaba en activo xunto a Zamora e a Sabino, futbolistas todos dunha grandísima calidade que fan que o noso Ramón tivese máis mérito aínda ao ser escollido entre os mellores”.
Rey sinalou que ao futbolista lle seguiron outras/os deportistas da cidade que se subirían tamén ao podium coma Fernando Romay, en Los Ángeles do 84; o judoka Franciso Boedo, en Atlanta 1996; e a regatista Sofía Toro, en Londres de 2012: “Agardo que esta listaxe de campións siga aumentando en Tokio, encabezada sempre por un Ramón González que defendeu a camisola da selección e mais a nosa deportivista. Oxalá tivésemos a moitos Ramóns este ano para volvermos a ser de primeira”.