Calcúlase que o cambio rebaixará un 88% os consumos desa rede de farois
O Concello de Moeche incluíu no listado de obras do POS+ 2020 un novo proxecto para finalizar a renovación da iluminación pública na zona urbana de San Ramón. O ano pasado cambiáronse a led todos os puntos de luz da Avenida 23 de Abril e do recinto feiral, os da rúa Cristo do Rañal e tamén ao longo da estrada de Ortigueira. Agora tócalle ás dúas rúas interiores que quedaban pendentes: a Rúa da Feira, que vai desde Cristo do Rañal até diante do Concello, e a rúa Andrés Gregorio Pérez Soto, que a conecta con 23 de Abril. En toda esa zona substituiranse as vellas lámpadas por outras capaces de ofrecer máis luz, de maneira máis uniforme e gastando moito menos, ademais de vir preparadas para durar polo menos 50.000 horas. O proxecto tamén recolle o repintado dos báculos e a reparación do cableado. A obra está cuantificada en 31.216,18€ máis ive e as empresas do sector que queiran presentar ofertas teñen de prazo ata as 23.59h. do día 21 de setembro.
A elección do LED como tecnoloxía lumínica obedece a razóns de calidade da luz e de aforro enerxético. Na información que figura nos pregos técnicos explícase que nestes momentos os 32 farois distribuídos polas dúas rúas nas que se vai intervir consomen preto de 18.000 kWh que, co cambio, pasarían a tan só 2.151 kWh. Unha rebaixa dun 88% no gasto eléctrico que se trasladará case na mesma proporción á factura da luz. Neste momento esta rede ten un custe anual de 2.278,75€ e prevese que os menores requirimentos enerxéticos dos ledes deixen esa cifra en pouco máis de 450 euros anuais, calculados aos prezos actuais da corrente.
Aforrar, afórrase moito… pero, que hai da luz?, chegará ou non chegará?. En Moeche xa hai experiencia sobre o resultado que dá a tecnoloxía LED e, nese sentido, pódese asegurar que si, que haberá luz de sobra nas dúas rúas. É máis, o sistema que se empregará ten como vantaxe que ofrece unha luz cunha tonalidade lixeiramente cálida e agradable que caerá sobre a estrada e as beirarrúas dunha maneira máis uniforme. Incluso contaminarán menos: o proxecto técnico indica que as proxeccións luminosas pola parte superior dos farois -o que provoca a coñecida como contaminación lumínica- serán inferiores ao 5% e, ademais, tamén estima que as emisións de CO2 á atmosfera por kWh consumido pasarán dos actuais 5.946 kg a pouco máis de 700, un 88% menos.
A obra en si consistirá na instalación de novas lámpadas sobre os postes existentes, que se sanearán de óxidos e volveranse pintar. Actualmente hai 32 báculos, aínda que finalmente só quedarán 31, xa que na rúa Andrés Gregorio Pérez Soto -onde os farois están dispostos agora sen moito xeito- eliminarase un e redistribuiranse os cinco restantes salteados a un lado e outro da vía e cunha distancia igual entre eles.
Por outra banda, e como primeiro labor, tamén se reparará a instalación eléctrica de toda a rede de farois para facela máis segura e as licitadoras deberán instalar sistemas de protección ante eventuais sobretensións na subministración.
O proxecto -deseñado na parte técnica pola FAEPAC- está xa en fase de licitación por un prezo de saída de 31.216,18€, máis ive. Os pregos técnicos e administrativos poden descargarse desde a Plataforma de Contratación do Estado. O prazo para achegar ofertas finaliza ás 23.59h. do próximo 21 de setembro. Unha vez que se acometa a obra, todo o centro urbano de San Ramón contará con iluminación led.