Friday 22 de November de 2024

Todo listo para un comezo de curso seguro na escola infantil municipal de San Sadurniño


O centro infantil viu reducida a súa matrícula nas últimas semanas, aínda que o Concello agarda que volva recuperarse se se produce unha evolución favorable da situación sanitaria

A Escola Intantil Municipal A Rolada ultimaba hoxe os preparativos para empezar o curso 2020-21. Un curso que, cando menos, será atípico polas condicións preventivas que esixe a actual situación. Os pormenores de como se vai desenvolver o servizo nas actuais circunstancias explicáronselle onte ás familias -a quen xa se lles facilitara hai días o protocolo do centro- e durante toda esta mañá houbo sesións individuais coas mamás e papás para coñecer máis en detalle as necesidades educativas das crianzas e tamén para solventar dúbidas que puidesen xurdir ao respecto do cumprimento de todas as medidas, que son moitas e estritas. O curso propiamente dito arranca para a cativería este venres, cun período de adaptación no que acudirá á escola por quendas e en grupos reducidos. A partir da semana que vén as estadías iranse amoldando ás xornadas definidas nas matrículas, que nas últimas semanas sufriron unha merma importante: de 26 nenas e nenos con praza, finalmente acudirán á escola 18, aínda que se confía en que o número poida recuperarse nas próximas semanas se a evolución da pandemia é favorable, ben con incorporacións xa previstas ou con matrículas novas.

A presentación do curso cadrou no mesmo día en que a Xunta de Galicia publicou un novo protocolo anticovid que só modifica cuestións puntuais do que se lles explicou onte ás nais e pais, como por exemplo a temperatura máxima a partir da que se considerará que a rapazada ten febre -máis de 37,5ºC- ou a obriga de ventilar as estancias de cada hora e media durante dez minutos, entre outras. En calquera caso, a área de Igualdade ten practicamente listo o documento definitivo coas últimas novidades para facérllelo chegar ás familias o antes posible.

O básico non cambia: as entradas serán escalonadas entre as 8 e as 9.30h., na galería non poderá haber máis de unha ou dúas persoas, as nenas terán unha taquilla co seu nome para gardar as cousas -abrigo, mochila, calzado, etc.- e, no intre de acceder á instalación, tomaráselles a temperatura unha vez máis, posto que esa verificación -xunto con calquera sintomatoloxía coincidente coa da COVID-19- deberán facela as familias xa antes de saír da casa.

No interior a cativería deberá estar sempre en calcetíns e só se calzará para saír xogar ao patio exterior, poñéndolle para iso calzado que cada nena ou neno terá sempre na escola. E é que o protocolo preventivo para as escolas infantís baséase en extremar a hixiene tanto dos pequenos e pequenas como do profesorado, na limpeza dos espazos e en manter no posible grupos reducidos de convivencia dentro das aulas. Tamén se debe procurar que a interacción e contacto entre as meniñas e meniños se limite todo o posible, algo certamente difícil a idades tan temperás e contraproducente desde o punto de vista da aprendizaxe e a socialización que pretende o proxecto educativo da EIM. Por outra banda será necesario extremar a limpeza dos xoguetes, cambiadores, berces, roupa de cama e calquera outro obxecto co que entren en contacto as crianzas. Mesmo será necesario desinfectar recipientes de almorzo que veñan da casa antes de introducilos na neveira do centro.

Outra das patas preventivas refírese ás precaucións con respecto a vectores externos. A escola está concibida como unha burbulla na que as nais e pais non poderán entrar -salvo causas xustificadas e sempre adoptando medidas hixiénicas reforzadas- e onde calquera persoa allea que precise acceder (provedores, principalmente) terá que a facelo con autorización previa, con máscara, calzas, e deixando rexistro dos seus datos de contacto.

O equipo directivo e docente, ademais de vixilar o cumprimento do protocolo, tamén deberá seguir estritos procedementos durante a xornada laboral: manter a distancia de seguridade de 1,5 metros entre si e con outras persoas alleas ao servizo, evitar xuntarse en espazos reducidos, entrar e saír de maneira escalonada, ter a roupa de traballo na escola -non traela posta da casa-, e coordinar a relación diaria coas nais e pais. Isto último contempla a recepción e entrega das criaturas, pero tamén o control dos accesos ás instalacións e a adopción de novas vías de comunicación sobre o seguimento da evolución do alumnado. A este respecto, as axendas -o libriño diario onde se apunta todo o relativo ao neno ou nena- quedará sempre na escola e as anotacións que se fagan nel enviaránselles ás familias por whatsapp. Tamén cambia a fórmula das titorías. Faranse preferentemente por videoconferencia e, no caso de ser presenciais, as xuntanzas non serán no centro, senón na sala de reunións do Centro Municipal de Empresas, situada no mesmo edificio.

Adaptación das instalacións
A aplicación das medidas preventivas na EIM A Rolada requiriu facer algúns cambios no centro. No exterior instalouse un timbre -a maiores do que había dentro da galería- e nas aulas retiráronse bonecos de trapo, coxíns e piscinas de bólas. Ademais, tamén se mercou novo equipamento agora necesario: taquillas para as crianzas e as mestras, unha máquina lavalouzas para o lavado a alta temperatura de cuberterías e outros obxectos, dispensadores de xel e de papel dun só uso e papeleiras de pedal. O investimento achegouse aos 4.000 euros.

Nos últimos días fíxose unha limpeza en profundidade de todos os espazos interiores, pechados desde o pasado mes de marzo, e hoxe finalizaron os preparativos cun repaso xeral ás cristaleiras e ao teito da galería. Todo para que a EIM ofreza a partir deste venres o seu mellor aspecto nun comezo de curso especial ao que asistirán nestes primeiros compases 18 nenas e nenos: 8 no grupo de 1 a 2 anos e 10 no de 2 a 3, con expectativa de que en novembro se incorporen dúas crianzas á aula de 0 a 1 ano, agora baleira.