O marketplace permite que cada empresario introduza os datos de interese do seu negocio // A iniciativa enmarcase no Plan de Reactivación da Concellería de Turismo
O Concello de Padrón lanza unha nova plataforma online para dar visibilidade e promocionar os produtos e ofertas dos distintos establecementos de comercio e hostalería da vila. Hoxe, dende a Concellería de Turismo puxéronse en contacto con estes sectores para explicarlles o funcionamento deste novo marketplace, e que comecen a darse de alta. Trátase dunha iniciativa incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021, tendo en conta o Plan de Acción Padrón 2017-2022.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explicou que “dende o Concello buscan as mellores formas de axudar ao tecido empresarial e ao grupo de comerciantes e de hostaleiros da vila. Esta plataforma pretende dar visibilidade aos seus negocios, así como facilitar o acceso da cidadanía e dos turistas a súa oferta”.
A nova plataforma, na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecerlles un interesante abano de opcións aos seus potenciais clientes, instalarase na páxina web www.padronturismo.gal. Esta nova dirección púxose en marcha recentemente para dar soporte a esta campaña de promoción.
Rexistros no marketplace
Como se informou aos comerciantes e hostaleiros de Padrón, a nova ferramenta online xa está dispoñible – https://marketplace.padronturismo.gal/engadir-negocio/ – para que rexistren os seus negocios. Unha vez na web, deberán acceder ao apartado ‘ENGADIR COMERCIO’, e dende aí cubrir o formulario de inscrición así como engadir fotos e información adicional –nome, datos de contacto, actividade, redes sociais, fotografías, horario, promocións, ofertas, etc- para que, posteriormente, se valide por parte da Oficina de Turismo.