Monday 25 de November de 2024

José Luís García deixa a Alcaldía de Brión despois de 41 anos García explica que “razóns persoais acontecidas nos últimos meses obríganme a tomar unha decisión dura e difícil, que espero que os veciños e veciñas entendan”


O alcalde de Brión, José Luís García García, vén de presentar a súa renuncia como alcalde e concelleiro do Concello de Brión, cargo que desempeñou durante os últimos 41 anos. A dimisión farase efectiva na sesión plenaria ordinaria do vindeiro mércores 9 de setembro, ás 13:00 horas.
Tras comunicarlle esta mesma mañá a súa decisión aos traballadores e traballadoras do Concello, García ofreceu unha rolda de prensa na que explicou que “non é unha decisión fácil nin algo que eu quixera tomar de ningunha maneira, pero razóns persoais acontecidas nos últimos meses obríganme a tomar a poñer punto e final a 41 marabillosos anos á fronte do Concello de Brión. Trátase dunha decisión dura e difícil, que espero que os veciños e veciñas entendan”.
García incidiu en que “se trata dunha cuestión única e exclusivamente persoal. Penso que vivimos nun sitio o suficientemente pequeno para que nos coñezamos todos e espero que a veciñanza entenda que non podo seguir dedicándolle ao Concello o tempo que lle dediquei durante a miña vida, que foi mañá, tarde e moitas noites. Brión necesita un alcalde a tempo completo e eu nestes momentos teño que dedicarme a coidar da miña familia”.
Así mesmo, lamentou non poder rematar o que ía ser o seu derradeiro mandato despois de once lexislaturas á fronte do Concello de Brión. Primeiro tras gañar por maioría as primeiras eleccións democráticas de 1979, como candidato da Candidatura Galega Independente, e despois encadear dez maiorías absolutas, as catro últimas á fronte do PSdeG-PSOE. “Cando tomei a decisión de presentarme por última vez ás eleccións municipais fíxeno coa firme intención de estar os catro anos á fronte da Alcaldía se os veciños e veciñas así o decidían.
Pero a vida é como é, non a buscamos así, e razóns persoais acontecidas nestes últimos dez meses obríganme a deixalo”.
Sucesión
García ofreceu todo o seu apoio a quen o Pleno municipal elixa como alcalde ou alcaldesa: “estou convencido de que a persoa que os concelleiros e concelleiras elixan para substituírme o vai facer tan ben ou mellor ca min. Presenteime coa intención de que fose a miña derradeira lexislatura, polo que contei cun equipo moi preparado de veciños e veciñas de todas as parroquias de Brión. Persoas que teñen a capacidade para saír adiante e, sobre todo, a mesma ilusión de traballar polo ben deste concello, que tiña eu cando me presentei hai 41 anos”. Así mesmo, ofreceu todo o seu apoio e experiencia para o que o novo equipo de Goberno poida precisar.
Unha vez que o Pleno municipal do 9 de setembro tome coñecemento da renuncia á acta de concelleiro e ao posto como alcalde de Brión, o secretario municipal pasaralle unha comunicación á Xunta Electoral Central para que nomee á persoa substituta, neste caso Mari Carmen Touceda Freira, veciña da Igrexa (Ons). Unha vez designada, convocarase unha nova sesión plenaria para a elección do alcalde, que sairá de entre os cabezas de lista dos tres grupos municipais: Pablo Lago Sanmartín (PSdeG-PSOE), María Fariña Bellón (PP) e Fructuoso Souto Castiñeira (BNG). Ata a celebración desta sesión plenaria (que podería ter lugar na derradeira semana de setembro) quedará Pablo Lago Sanmartín como alcalde en
funcións.
Agradecementos
Finalmente, García agradeceu o apoio recibido tanto pola súa familia como por todos os concelleiros e concelleiras que o acompañaron ao longo destes 41 anos, agradecemento que fixo extensible aos edís dos grupos da oposición. Así mesmo, agradeceu o labor dos traballadores e traballadoras do Concello de Brión, especialmente durante a pandemia da Covid-19. Finalmente, enviou un fondo agradecemento aos veciños e veciñas de Brión “porque sen eles non tería sido posible facer todo o que fixemos nestes anos. Houbo un entendemento entre a veciñanza e o Goberno municipal que permitiu que Brión fose un concello pioneiro en moitas cousas a pesar de ser un concello rural”. García asegurou que “non podo máis que estar agradecido a todos os veciños e veciñas porque eles foron os que fixeron que Brión fora e sexa o que é: un fermoso xardín no que vivir e que temos que coidar. Marcho con moita tristeza porque non era a miña vontade. Son motivos persoais que, por favor, lles pido que entendan”. José Luís García García (Os Ánxeles, Brión. 26 de setembro de 1953) é fillo de emigrantes e funcionario en excedencia do Servizo Galego de Saúde. Foi o primeiro alcalde de Brión na época da democracia á fronte do grupo veciñal Candidatura Galega Independente. Tras a súa maioría nas eleccións de 1979, conseguiu outras seis maiorías absolutas como independente.
No ano 2007 desaparece a Candidatura Galega Independente e os seus integrantes preséntanse baixo as siglas do PSdeG-PSOE, coas que obtiveron outras catro maiorías absolutas.
Así mesmo, foi presidente e fundador da Federación Gallega de Ayuntamientos Rurales, integrada na Federación Galega de Municipios e Provincias desde 1994, data na que foi elixido membro da súa Comisión Executiva. Deputado provincial entre 2007 e 2011 e entre 2015 e 2019, na actualidade tamén preside a Asociación Terras de Compostela.