Os resultados obtidos na inscrición no curso de deseño e impresión 3D que se desenvolverá no Fab Lab pobrense motivou que a Concellaría da Mocidade tomase a decisión de amplia-la oferta cunha nova edición que terá lugar nos días 26 de setembro e 3 e 10 de outubro.
O edil da Mocidade, José Andrés Lojo, explicou que esta proposta naceu baixo a demanda existente de coñecemento sobre estas novas tecnoloxías, polo cal o Fab Lab da Casa da Mocidade se converte no lugar idóneo para imparti-la formación ao contar con tódalas ferramentas necesarias. Trátase dun curso de nivel básico que toca os ámbitos do deseño, da laminación e do manexo da impresora 3D, divididos en tres días.
Pola súa parte, o alcalde Xosé Lois Piñeiro lembrou que esta actividade se engloba nunha programación (música, audiovisual etcétera) que está ultimándose e que se focaliza no Fab Lab, así como na propia Casa da Mocidade en xeral; unhas instalacións dispoñibles para uso e desfrute da veciñanza, así como para a súa formación.
A primeira edición deste curso, organizado polo Concello e Tecelán, xa está completo e transcorrerá nos días 5, 12 e 19 de setembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Para a segunda edición tan só quedan catro prazas vacantes, pois as restantes están ocupadas polas persoas que non lograron entrar na primeira quenda. A inscrición é de balde e pódese formalizar a través do teléfono de
contacto 981843281 ou dos enderezos electrónicos alcaldia@apobra.gal e correo@apobra.gal.