A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asinou coa UTE A Coruña Limpeza a acta de inicio do novo contrato
Inés Rey confirmou hoxe que o vindeiro 1 de outubro comezará o novo servizo de limpeza viaria despois da sinatura da acta de inicio do contrato que tivo lugar onte en María Pita. O novo servizo, apuntou a alcaldesa, permitirá empregar máis de 5 millóns de euros para adquirir a nova maquinaria que, ademais de servir para incrementar o grao de limpeza da cidade, cumprirá criterios de sustentabilidade enerxética xa que será na súa maioría propulsada por motores de gas e eléctricos e minimizará os
problemas actuais de ruídos.
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asinou a acta de inicio do contrato do novo servizo de limpeza viaria da cidade. Trátase dun trámite imprescindible para que a nova empresa concesionaria, a UTE A Coruña Limpeza, (UTE FCC- Ingreser Atlántica), poida facerse cargo finalmente do servizo despois de que a anterior concesionaria CESPA asinase a acta de reversión da maquinaria. A nova concesionaria empezará a prestar os seus servizos de modo efectivo coa nova maquinaria o día 1 de outubro.
O novo contrato, que supera os 14 millóns de euros anuais e ten un prazo de duración de oito anos improrrogable, servirá para mellorar o servizo que prestaba a anterior empresa, que traballaba desde hai dous anos en precario e con prórrogas.
A concelleira explicou que o novo servizo inclúe a substitución de todas as papeleiras da cidade e a limpeza dos polígonos, cun plan adaptado ás características de cada un deles, e conta cos medios para actuar con rapidez na eliminación de pintadas”, subliñou.
Coa posta en marcha do novo servizo, o concello ten previsto realizar un dispositivo especial para a limpeza de zonas de ocio nocturno, festas e eventos e eliminará de forma inmediata os vertedoiros incontrolados.
Fontán apuntou que “en poucos meses teremos nas rúas da Coruña todos os servizos que axudan a mellorar a limpeza e o bo aspecto da nosa cidade” .