Terá unha vixencia de dous anos, prorrogables por outros dous máis.
O Concello de Cariño vén de adxudicar o contrato de xestión do Punto de Atención á Infancia ( PAI), situado na parroquia da Pedra. Foi adxudicado por 100.000 euros durante dous anos e regula as características que debe reunir o servizo, dirixido a nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos.
O servizo xa está en marcha pero o alumnado incorporarase a próxima semana. Na incorporación ás aulas aplicarase un protocolo de seguridade para previr contagios pola COVID-19 similar ao creado polo Ministerio de Educación para as escolas infantís, adaptando o espazo dispoñible ao número de usuarios e usuarias.
O contrato terá unha vixencia de dous anos, prorrogables por outros dous máis. O adxudicatario terá que cinguirse ao marcado polos pregos: desde o número máximo de prazas do centro (un total de 20), os materiais que se deben utilizar, o horario e o calendario do curso, a administración de comidas e medicamentos, a relación cos pais e titores ou os dereitos e obrigacións do persoal son algúns dos aspectos que se regulan.
O Concello de Cariño encargarase de proporcionar as instalacións e a dotación de equipamento e do material didáctico básico necesario para un funcionamento correcto do servizo, así como material de tipo tecnolóxico. Ademais, farase cargo da convocatoria anual de adxudicación de prazas, da cobranza da tarifa ás familias, das obras de reparación necesarias, os gastos de subministracións e o mantemento do xardín.