Thursday 21 de November de 2024

O Concello impulsa traballos de mellora na Escola Unitaria de Castromil


A administración local vén de pintar o interior e cambiar as ventás de ambas fachadas do edificio, situado na parroquia de Salto.

O Concello de Vimianzo impulsou traballos de mellora na Escola Unitaria de Castromil, que das tres existentes -ademais da de Carantoña e Carnés- no municipio é a que máis rapaces e rapazas empregan. A administración local vén de realizar as tarefas de pintado no seu interior e cambio de ventás en ambas fachadas do edificio, situado na parroquia de Salto.
Este espazo está actualmente en uso, e como dixemos anteriormente acolle a actividade de Escola Unitaria para ao redor dunha quincena de rapaces e rapazas.
Desde o Concello están á espera da autorización para intervir tamén nas fachadas principais, nas que se procederá ás tarefas de pintado e aillamento.
Esta era unha intervención moi demandada pola veciñanza, e agora que empeza o curso escolar gozará dun novo aspecto. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, achegáronse hoxe ata alí para observar o remate das intervencións, e amosáronse ‘tremendamente satisfeitos co resultado. Parece un edificio completamente distinto’, remarcaron ambos.