O Concello da Coruña inviste 217.000 euros nesta primeira fase, que inclúe o tramo dos números impares da vía entre as rúas Oleoduto e Rafael Dieste
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa do inicio das obras para a renovación de beirarrúas da avenida de Monelos, un proxecto que supoñerá un investimento final para o Goberno municipal que ascende a 637.500 euros. Nesta primeira fase executarase o tramo comprendido nos números impares da vía -en dirección baixada- entre as rúas Oleoducto e Rafael Dieste.
A primeira fase dos traballos de reforma de beirarrúas da avenida de Monelos ten un prazo de execución aproximado de 4 meses (18 semanas), supón un investimento de 217.000 euros (dos 637.500 euros programados para a renovación total das beirarrúas desta rúa) e enmárcase dentro dos traballos de mantemento, conservación e reparación dos pavimentos de beirarrúas e áreas peonís da cidade, aos que o Concello destina en 2015 máis de 2,5 millóns de euros.
Os traballos desta primeira fase da renovación de beirarrúas da avenida de Monelos inclúen a renovación de 1.165 m2 de beirarrúa e 337 metros de bordo. Ademais mellórase a rede de pluviais coa instalación de 193 metros de canalizacións e 20 arquetas. A actuación tamén comprende outras melloras, como o pintado dos pasos de peóns con materiais antideslizantes e reflectantes.
O actual equipo de goberno puxo en marcha neste mandato o Plan de Modernización de Espazos Públicos, para o que reservou 35 millóns de euros no presuposto de 2015, dentro do compromiso municipal de mellorar os espazos públicos e a accesibilidade dos veciños.