A axencia de lectura de San Sadurniño estará dispoñible no portal galego a partir do 10 de setembro
A responsable da Axencia municipal de lectura de San Sadurniño, Anabel Gavín, está metida estes días en faena para etiquetar con códigos de barras todos os fondos da biblioteca. Os distintivos axilizarán moito o proceso de préstamos e devolucións e, ademais, son unha pequena parte do salto dixital que está dando a biblioteca, que estará integrada a partir do día 10 de setembro na plataforma Kohabib impulsada pola Rede de Bibliotecas de Galicia como ferramenta única de xestión de todas as axencias de lectura. A integración ofreceralles servizos engadidos a todas as persoas usuarias, como por exemplo levar conta nun perfil persoal de todos os títulos lidos, a posibilidade de comentalos e recomendarllos a outras lectoras e lectores, recibir alertas sobre vencementos de prazos de devolución, ou a posibilidade de usar o mesmo carné en case todas as bibliotecas galegas.
Para obter acceso ao catálogo compartido hai que darse de alta na plataforma, un proceso sinxelo que poden facer tanto as persoas que xa sexan usuarias da biblioteca como aquelas que vaian facer o carné por primeira vez. De feito, entrar en Kohabib suporá obter unha nova tarxeta válida para solicitar préstamos ou consultas na nosa biblioteca de cabeceira, pero tamén en calquera outra integrada na rede galega onde xa estea implantado o sistema. E non só nas municipais, senón tamén nas dependentes da Xunta, da Deputación e de varios museos e entidades públicas e privadas, que ofrecen nuns casos préstamos físicos e noutros acceso a documentos dixitais.
Por outra banda, a alta no sistema de xestión de catálogos tamén nos permitirá dispor dun cartafol persoal da nosa bagaxe literaria, comentar títulos e facer recomendacións. Tamén se poderán reservar anticipadamente títulos que se encontren prestados.
No caso de San Sadurniño o traballo durante estes días céntrase en xerar as etiquetas con códigos de barras asociadas a cada título, coas miras postas en que o 10 de setembro a Biblioteca Municipal estea xa operativa no portal compartido da Rede de Bibliotecas de Galicia.
A xestión conxunta dos catálogos tamén significará unificar criterios de préstamo. Poderán solicitarse 5 préstamos por persoa e ata 20 en toda a rede. Unha persoa adulta, por exemplo, poderá dispor de 3 libros durante 21 días e facer unha renovación por outros 21. Os audiovisuais, soportes sonoros, arquivos de ordenador, revistas e lectores de libros electrónicos -1 por persoa- teñen de prazo 7 días renovables por outros 7.
Ter o mesmo aplicativo en todas as bibliotecas e o mesmo xeito de xestionar os fondos tamén será de axuda para levar un mellor control dos esquecementos nas devolucións. Cando vaia vencer o prazo, as persoas usuarias recibirán un recordatorio no seu correo electrónico e poderán facer a renovación sen necesidade de acudir fisicamente á biblioteca, de acordo cos tempos establecidos para cada tipo de documento. De non facelo, o sistema penalizará con un día de préstamo a domicilio por cada documento demorado, ata un máximo de 90 días. Superado ese límite de graza, o carné quedará bloqueado en toda a rede de bibliotecas.
Actividades de Ler Conta Moito
A Biblioteca Municipal é tamén un servizo de dinamización da lectura que nas próximas semanas nos ofrecerá tres espectáculos dirixidos á infancia e á mocidade arredor de valores como o do respecto, a igualdade ou a coeducación. Todos eles encádranse no Ler Conta Moito promovido pola Rede de Bibliotecas de Galicia, quen lles ofrece ás axencias de lectura dos concellos pequenas propostas escénicas, musicais ou de contacontos para que as programen durante o ano. En San Sadurniño estes espectáculos terán lugar en espazos ao aire libre gardando as distancias de seguridade e cun aforo limitado.
Sábado 12 de setembro, 18.00h., Xardíns municipais: Contacontos “Travesías”
Para público familiar con nenas e nenos a partir de 3 anos. Os contos de heroes que salvan princesas en apuros tornan en narracións cheas de aventuras protagonizadas por nenas e mulleres bravas que loitaron e venceron prexuízos para conseguiren os seus soños.
Venres 25 de setembro, 18.00h. Praza do antigo Concello: Obradoiro “22 segundos”
Orientado a adolescencia e mocidade, este obradoiro participativo aborda a historia do colectivo LGTBIQ co obxectivo de que a xente máis nova interiorice que o mundo é un lugar diverso onde todas as opcións, todos os xeitos de ser e sentir teñen -deben ter- cabida e ser respectados.
Sábado 3 de outubro, 18.00h., Xardíns municipais: Contacontos “Utopías”
Espectáculo para rapazada de 3 anos en diante que combina a narración coa manipulación de obxectos. Historias sobre mundos invisibles para entreter e alimentar a imaxinación das nenas e nenos máis pequenos.
Para asistir a calquera destas tres citas hai que reservar entrada -que é gratuíta- enviando un correo a anagavinmerlan@gmail.com, chamando ao 652 814 144 -de luns a venres de 10 a 15.00h.- ou o mesmo día por orde de chegada.