Tralo anuncio de novas restricións por mor da COVID-19 decretadas pola Xunta de Galicia, o alcalde de Santiago fixo un chamamento á tranquilidade e tamén á prudencia, á responsabilidade e ao cumprimento das normas establecidas.
O alcalde de Santiago confirmou que na mañá de hoxe recibiu as chamadas do conselleiro de Sanidade e da Xerencia da área sanitaria de Santiago para informalo da decisión do goberno autonómico de adoptar unha serie de medidas na cidade por mor da COVID-19, semellantes ás adoptadas en Lugo e A Coruña. Non obstante, cómpre espera a que “se publique o texto íntegro no DOG”.
“Desde punto vista municipal chamamos a todos a respectar as normas e a colaborar coa administración pública tanto autonómica como local para garantir as mellores condicións de seguridade”, indicou Sánchez Bugallo, que quixo transmitir tranquilidade á poboación. “Estamos tendo algún problema derivado de persoas que retornan das súas vacacións ou desenvolven actividades aquí que era algo previsible e co que xa contabamos”.
O rexedor fixo fincapé en que “debemos estar psicoloxicamente dispostos a afrontar estas limitación e é importante ser prudentes, responsables e cumprir as normas que se determinen” en todas as actividades que se realicen.