Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene reabre as instalacións da piscina municipal de Centieiras con aforo limitado e estritas medidas preventivas


A piscina de Centieiras está aberta de novo ao público desde este martes 1 de setembro e adaptada ás medidas de prevención da COVID-19. Esa adaptación tradúcese en que se deberá seguir o protocolo de seguridade definido polo Concello para acceder e usar o equipamento, que reduciu o seu aforo ao 50%. Durante este de setembro o horario de apertura das instalacións será de luns a sábado 17 a 22.00h. e tanto o nado libre como o uso do ximnasio deberán cinguirse a sesións de 45 minutos de duración, con posibilidade de combinar ambas opcións no mesmo día sempre que sexan consecutivas e haxa oco dispoñible.

Como medidas complementarias, o protocolo indica que á entrada se rexistrarán os datos e se lle tomará a temperatura a todas as persoas usuarias. Unha vez dentro terán que gardar sempre 1,5 metros de separación nos movementos que fagan polo recinto e tamén durante a práctica deportiva.

O uso da máscara non será obrigatorio no vaso nin no ximnasio no momento de nadar ou facer o exercicio -onde igualmente se terá que manter a distancia interpersoal-, e haberá que poñela si ou si para ir e vir dos vestiarios, aínda que se poida gardar a separación.

Os adestramentos na piscina e no ximnasio faranse en quendas asignadas de 45 minutos de duración e, ademais, será necesario entrar en Centieiras como mínimo un cuarto de hora antes do inicio da actividade e marchar, como moi tarde, quince minutos despois de rematar.

Desta maneira o Concello busca ter sempre controlado o aforo e garantir que a planificación horaria se cumpra sen retrasos, pero tamén reservar tempo suficiente para que o persoal de limpeza desinfecte os vestiarios entre faixas horarias.

Para acceder poderase mercar a entrada na instalación ou ben empregar o Bono deporte do Concello de Fene, con dereito a utilizar o ximnasio e mailo vaso indistintamente ou ben combinar ambas opcións, sempre que sexa en franxas horarias consecutivas. Na piscina non poderá haber máis de 52 persoas ao mesmo tempo e no ximnasio o límite está fixado en 6 usuarias.

As persoas usuarias do ximnasio contarán cun monitorado de 19 a 21.00h. quen establecerá as rutinas de adestramento e control -que poden verse modificadas se a situación sanitaria así o aconsella- ademais de incentivar os hábitos de hixiene preventiva.

Para consultar a dispoñibilidade de espazos no día e franxa horaria na que desexe asistir -e tamén para facer a reserva- pode chamarse aos teléfonos da instalación -981 344 341 e 607 627 103- durante o horario de apertura. Tamén hai a posibilidade de reservar a través da plataforma de deportes www.deporte.fene.es, para o que será necesario contar con usuario e contrasinal ou darse de alta no mesmo momento de facer a consulta.

Desde o departamento municipal de Deportes insístese en que cada persoa só poderá reservar un máximo de dúas franxas horarias por día e deberán ser consecutivas, para dar opción a que se poida usar ximnasio e vaso na mesma xornada e, ao mesmo tempo, garantir que as instalacións poidan ser utilizadas polo maior número de persoas posible malia a redución do aforo.