Friday 22 de November de 2024

Volve o cine ao Fórum Metropolitano con estreas en versión orixinal e o ciclo “Máis que parásitos”


O espazo proxectará catro longametraxes que non se puideron ver nos cines comerciais e outras catro surcoreanas que lle darán ao público unha visión máis global do cinema que se fai nese país

A nova tempada de cine no Fórum Metropolitano comeza mañá con dous ciclos “Estreas en versión orixinal” e “Máis que Parásitos”, que se prolongarán durante todo o mes. As sesións desenvolveranse con todas as medidas de seguridade e hixiene contra o coronavirus, coa capacidade reducida e co uso obrigatorio de máscaras. As películas do apartado “Estreas en VO” proxectaranse na sala Marilyn Monroe os xoves e venres ás 20.15 horas e o sábados ás 17.15 e ás 20.15 horas. Serán catro filmes non estreadas no cine comercial da cidade, que non se puideron exhibir no mes de marzo por mor do confinamento. En concreto, as e os espectadores poderán ver o 3, 4 e 5 de setembro “Kirin no Shita no Kioku” (O cociñeiro dos últimos desexos), dirixida polo xaponés Yojiro Takita. Os días 10, 11 e 12, proxectarase “Benedetta follia” (Bendita loucura), do italiano Carlo Verdone, e os días 17, 18 e 19, pasarase “L’Intervention” (A intervención), do francés Fred Grivois para rematar o 24, 25 e 26 con “Kollektivet” (A Comuna), unha longametraxe danesa de Thomas Vinterberg. Ningunha delas
está recomendada para menores de 12 anos.

No ciclo “Máis que Parásitos”, na sala Fernando Rey, programaranse pases os xoves e venres ás 20.30 horas e o sábados ás 17.30 e ás 20.30 horas. Nesta entrega, o Fórum proporá catro títulos recentes doutros tantos directores de cine de Corea do Sur, nas que se abordan distintas temáticas e épocas da historia e da actualidade surcoreana, máis alá da premiada “Parásitos”. Comezarán o 3, 4 e 5 de setembro con “Dangsinjasingwa dangsinui geot” (O teu e ti), dirixida por Hong Sang- soo. Non se recomenda que a vexan menores de 7 anos. O 10, 11 e 12 de setembro, renovarán a carteleira con “Mil-Jeong” (O imperio das sombras), de Kim Jee-Woon, que está recomendada para maiores de 16 anos e a escolma continuará con “Ag-ga-ssi” (A doncela) os días 17, 18 e 19, que está dirixida por Park Chan- Wook. “Goksung” (O estraño), de Hong-jin, pechará o ciclo o 24, 25 e 26. Está recomendada para maiores de 16 anos.

ENTRADAS
O prezo das entradas é de tres euros, dos euros para as persoas usuarias do carné xove, xubiladas/os e desempregadas/os. Os sábados ás 17.15 h/ 17.30h (sesión das persoas espectadoras), o custo das localidades pasará a ser de 1,50 euros. A compra poderase formalizar en www.corunacultura.sacatuentrada.es , no teléfono 662 867 109 (das 9.00 ás 00.00 horas), e no despacho de billetes da praza de Ourense. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Fórum media hora antes de cada función.