Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno Local dálle luz verde á urbanización de Xuxán e ao proxecto de reforma do mercado de Monte Alto


Na sesión aprobouse a posta en marcha de novas estacións de BiciCoruña por un importe de 1,7 milóns de euros

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe investimentos en obras e servizos que suman máis de 20 millóns de euros. Deulle luz verde á urbanización do Ofimático (13 millóns de euros), á reforma do Mercado, a escola infantil e a praza de Monte Alto (3,8 millóns de euros), ao acceso peonil desde O Birloque até Pocomaco (403.000 euros), á subministración de estacións e bicicletas para o servizo de BiciCoruña (1,7 millóns), á reforma do Remanso (359.140 euros), ás obras de mellora de accesibilidade (elevador) nos Castros (486.709 euros) e á estabilización do noiro rochoso da avenida de Arteixo (516.800 euros), entre outras.
Aprobouse definitivamente o proxecto de finalización das obras de urbanización do “Parque Ofimático”, correspondentes á primeira etapa recollida na modificación do Plan parcial vixente. O orzamento ascende a 13.593.000 euros. A segunda fase do proxecto consistirá en adecuar os terreos próximos ás vías do tren e pavimentar e instalar mobiliario, xardinería, rega e de xogos infantís nos espazos libres do barrio de Xuxán,. Incluirase unha praza central e a execución das vías que está pendente, que tamén se pavimentará e equipará con elementos para o lecer, vexetación e varandas.
Ademais, autorizouse a contratación, por un importe de 1.792.030 euros, da subministración de bicicletas, postos de ancoraxe, sistemas tic e sóftware de xestión para o servizo de bicicletas de uso público da Coruña, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER e o marco do eixe 12 de desenvolvemento urbano do programa plurirrexional de España cun prazo de duración de oito meses. O Goberno amplía o número de estacións e substitúe as actuais. A praza de Portugal, Novo Mesoiro,
Pocomaco, parque de Oza, o complexo deportivo de Elviña, o parque de Eirís, e Os Mallos contarán con estacións.
O acceso peonil ao polígono de Pocomaco desde o Birloque cun orzamento de 403.383. permitirá conectar a pé os barrios de Novo Mesoiro e Pocomaco co Birloque; realizar un paso inferior baixo a vía de ferrocarril correspondente á intersección San Cristovo‐ Uxes; e crear un carril bici e unha beirarrúa peonil desde o Polígono de Pocomaco cara ao Birloque, con todos os servizos necesarios.
Na sesión, déuselle luz verde á reforma do mercado de Monte Alto, unha obra proxectada desde hai dous mandatos e que finalmente se comezará a executar cun orzamento de 3,7 millóns, en que se cambiará a imaxe do inmoble con espazo para a vexetación ou unha balconada, e con equipamentos como un aparcadoiro máis accesible, un elevador para as persoas usuarias da praza e un segundo de uso público que comunicará o barrio de xeito vertical. No lado norte, incorporarase a escola infantil e o mercado terá unha maior conexión co exterior cunha parte superior destinada aos postos de peixe e carne e diante deles, a zona seca destinada á compra e venda de froitas, verduras e outros produtos. O proxecto reservará dous locais polivalentes coa opción de poder xuntalos e crear un único espazo, que contarán á súa vez con metros cadrados pensados para almacén, aseos e vestiarios.
A Xunta de Goberno adxudicou o contrato das obras de reforma do pavillón situado na praza de José Toubes Pego á empresa Desarrollo Obras e Servizos SL, por un importe de 359.140,10 euros. Estas obras están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020. Executaranse no prazo de 8 meses.

A Xunta de Goberno tamén autorizou a contratación das obras para construír un ascensor nos Castros, cun orzamento de 486.709 euros e adxudicará as obras da estabilización do noiro rochoso da avenida de Arteixo (516.800 euros) e concedéuselle licenza á empresa Pontegadea España SLU para adaptar o interior do antigo edificio do Banco Hispano, situado no Cantón Grande, número 4, como futura sede da Fundación Amancio Ortega.
Canto á mobilidade, informouse do cambio solicitado pola empresa Setex, concesionaria do servizo da ORA, en que a app para o pagamento do estacionamento Easypark substituirá a E-park. A aplicación actual poderá seguir sendo empregada. A utilización da aplicación de Easypark será gratuíta para as persoas usuarias durante toda a vixencia da concesión a as súas posibles prórrogas, e non terán que precargar o moedeiro electrónico, xa que se aboará cada operación de aparcamento no momento que se produza. O sistema permitirá que os saldos das persoas usuarias de E-park que migren a Easypark sexan trasladados coa nova aplicación.
A Xunta de Goberno aprobou a modificación da Ordenanza municipal de xestión de residuos municipais e limpeza viaria, pola que se autoriza o Concello para que se faga cargo da eliminación de pintadas en edificios que non son de titularidade municipal, e se adxudicaron as obras de pavimentación de calzadas nos distritos 8 e 9 á empresa Canarga SL por un importe de 383.987 euros. As obras realizaranse nun prazo de 6 meses.
Ademais, se prorrogou por un ano o contrato de reparacións, mantemento e reposición dos espazos exteriores nos colexios de Educación Infantil e Primaria, centros de Educación Especial e centros de Educación e Promoción de Adultos, adxudicado a Angel Roade SL por un importe de 385.066 euros.
A Xunta aprobou esta mañá a contratación do subministro de carburante para vehículos do parque móbil municipal, zódiacs de Deportes e Protección Civil e maquinaria cun orzamento de 495.000 euros e un prazo de 3 anos prorrogable por períodos máximos dun ano até dous anos máis. O presuposto máximo anual é de 165.000 euros.
En materia de Benestar Social, autorizouse 150.000 euros para financiar un programa de axudas sociais da institución Padre Rubinos dirixido a persoas en situación de necesidade no municipio da Coruña. Este é un dos convenios que se aprobaron co modificativo do PRESCO para aumentar a cantidade reservada a axudas sociais. Tamén se investirán 107.200 euros en subscribir un convenio de colaboración, a través do cal o Concello e a Asociación Provivienda desenvolverán un programa do modelo Housing First na cidade.