Os traballos, nos que se investirán 464.517,79 euros, comezaron e abranguerán unha superficie de 6.600 metros cadrados
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o barrio de Eirís, con motivo do inicio das obras de acondicionamento dunha parcela de 6.600 metros cadrados situada entre a avenida de Monelos e a rúa XerónimoVázquez Franco, sobre o falso túnel que conecta a zona co porto. Os veciños, que acompañaron ao rexedor, mostráronse satisfeitos cos traballos xa que dan resposta a unha antiga demanda veciñal e porque supoñerán un importante cambio para mellorar a conexión dos barrios da zona.
“Trátase dun espazo de 6.600 metros cadrados que é un núcleo central entre dous barrios: unha zona antiga dos anos 60 e 70 e outra de nova construción. Estamos nunha zona de transición”, explicou o alcalde e engadiu: “O que imos facer con esta actuación é solucionar as vellas demandas dos veciños: crear neste espazo unha zona verde de 3.658 metros cadrados; un punto de encontro cunha zona para nenos, unha zona biosaludable e unha pista deportiva; e un aparcadoiro”.
A actuación, que conta cun investimento de 464.517,79 euros, contempla a creación de 52 prazas de aparcadoiro -3 delas para persoas con mobilidade reducida- nun espazo de 1.570 metros cadrados, 1 pista deportiva con canastras e portarías de 435 metros cadrados, un parque infantil de 232 metros cadrados, un circuíto biosaludable de 242 metros cadrados, unha zona común con miradoiro, axardinamento e o acondicionamento dun sendeiro diagonal que permitirá mellorar a mobilidade peonil e a conectividade do barrio (463 metros cadrados).
Esta iniciativa permitirá, por unha parte, solucionar un problema de mobilidade peonil na zona, á vez que crea un espazo de ocio e outro de aparcadoiro que solucionan outras das demandas dos veciños: “Con esta actuación pretendemos mellorar a calidade de vida e urbana desta zona dotándoa dun espazo de convivencia para integrala nos dous barrios que, grazas ao sendeiro peonil, estarán mellor comunicados”, sinalou o alcalde. O obxectivo é que os veciños poidan gozar deste novo espazo no verán, tendo en conta que o prazo de execución é de 4 meses.
Esta nova iniciativa súmase a outras actuacións que o Goberno local acometeu no barrio de Eirís e que responden a demandas dos propios veciños como a estabilización do noiro da avenida de Lamadosa, a construción da glorieta na avenida Terra Nova de Eirís, as obras de saneamento en Canteira de Eirís ou a creación do bosque dos nacementos no parque de Eirís.