A sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle desde esta mesma semana o proxecto pictórico “Queridas Donas”, da artista local Isabel Seco Espada. A colección, composta por pezas realistas e abstractas, reivindica a muller a través da figuración do sentimento e das situacións. Afouteza, valentía, resiliencia, paixón, ilusión, namoramento e liberdade, entre outras facetas, que se xuntan compoñendo unha mensaxe de plenitude feminina e feminista. A exposición pode visitarse en horario de 10.30 a 13.30h. de luns a venres até o 15 de setembro. Do 16 en diante -a expo finaliza o día 29- os horarios da Casa da Cultura serán de 10 a 13.00h. de luns a sábado e de 16 a 21.00h. de luns a venres. Cómpre solicitar cita previa a través do 981 341 451 .
Isabel Seco Espada naceu en Laraxe, no concello de Cabanas, aínda que leva afincada en Fene case trinta anos. Desde moi pequena sentiu que precisaba pintar para expresarse e, porén, segundo ela mesma asegura, “non me adiquei profesionalmente a esta arte”.
Os seus comezos foron co profesor de artes plásticas e escritor Andrés Fernández Rifón. Posteriormente formouse co pintor e ilustrador Leandro Lamas e, na actualidade, é a profesora de arte Begoña Gorostidi, a que a acompaña nesta andaina.
A mostra, que abre ao público desde este mércores, titúlase “Queridas Donas” e está adicada a todas as mulleres “que forman parte da miña vida, aos sentimentos e emocións das mulleres libres, mulleres namoradas, mulleres valentes, mulleres teimudas, mulleres apaixonadas, mulleres estresadas, mulleres solitarias, mulleres soas, mulleres ilusionadas, mulleres tristes, mulleres vitais, mulleres abandonadas, mulleres respetables, mulleres celosas, mulleres plenas…”
A mostra inclúe acuarelas, óleos e acrílicos de estilo realista e abstracto. Obras nas que, ademais, emprega materiais cotiás coma o papel, a area e o xeso. Hai cadros feitos con pincel, con paleta, con rotulador e coas mans; empregando distintas técnicas para o seu acabado.
Quen queira achegarse pola sala de exposicións da Casa da Cultura pode facelo desde hoxe e ata o día 15 de setembro en horario de 10.30 a 13.30h. de luns a venres. As posibilidades amplíanse despois desa data, xa que a partir do 16 a sala abrirá das 10 ás 13.00h. de luns a sábado e tamén as tardes do luns ao venres entre as 16 e as 21.00h. Por razóns preventivas cómpre solicitar cita previa no 981 341 451.