Thursday 21 de November de 2024

O alcalde de Padrón insiste no cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias para frear a propagación do coronavirus


A través dun bando o executivo local pon o foco na normativa para evitar que se siga estendendo a pandemia // A área sanitaria de Padrón rexistra 20 casos de contaxio por coronavirus

A área sanitaria de Padrón rexistrou na última semana un total de 20 casos de persoas contaxiadas por coronavirus, dezasete correspóndense con residentes en Padrón, mentres que tres habitan nun concello veciño, segundo os datos facilitados polo equipo do servizo de atención primaria municipal. Ante o incremento de casos positivos nas últimas horas, o alcalde de Padrón emitiu hoxe un bando para adoptar medidas de prevención específicas a maior brevidade posible. O documento recolle normas e recomendacións de aplicación, que estarán vixentes a partir das 00:00 horas do 2 de setembro. Así, lembrase á cidadanía que debe adoptar as precaucións necesarias para evitar a propagación da enfermidade.
Neste contexto, Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón, fixo un chamamento para que todas as persoas que residen ou visitan Padrón cumpran as normas hixiénico-sanitarias relacionadas coa Covid-19. “Frear a curva de contaxios é unha tarefa de toda a poboación, temos que ser responsables de xeito individual e seguir todas as recomendacións das autoridades sanitarias”, incidiu o rexedor.
En primeiro lugar, calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles coa Covid-19 deberá permanecer no seu domicilio e comunícalo ao seu servizo sanitario. Todos os casos probables de infección por coronavirus deben permanecer illados e seguir as condicións de corentena, isto inclúe a todas aquelas persoas que estivesen en contacto cun caso positivo.
En segundo lugar, debe cumprirse a distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros, establecida polo Real Decreto Lei 21/2020, do 9 de xuño, e o uso da máscara é obrigatorio. Respecto ás actividades sociais, os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter social ou familiar limítanse a un máximo de dez persoas. Non poderán desenvolverse as actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, das festas, verbenas ou outros eventos
populares. Pola súa banda, os establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga.

Protocolos de actuación
Dende o inicio do estado de alarma, os distintos departamentos do Concello de Padrón despregaron todos os seus recursos para a xestión desta crise sanitaria. As autoridades repartiron máscaras cirúrxicas entre toda a poboación da vila e nos primeiros días, o equipo de goberno creou unha Comisión na que se estableceron protocolos de actuación e se coordinou o traballo dos distintos axentes e efectivos municipais. Deste xeito, marcáronse pautas para proceder a desinfección de todos aqueles espazos comúns públicos -e tamén aqueles privados nos que teñan transitado as persoas que se contaxiaron por coronavirus-. Actualmente, e de xeito periódico, distintos equipos están desinfectando todas as rúas do concello, os espazos públicos e municipais, así como os contedores de lixo.