O xardín da casa da cultura Raquel Fernández Soler conta cunha nova especie botánica despois de que no día de onte, luns 31, se procedese á plantación dun acevo. A dita acción adscríbese á iniciativa Unha árbore por Europa, promovida polo Equipo Europa e apoiada polo Parlamento europeo, a cal tenta implica-la xente na toma de decisións en sustentabilidade local.
Constitúe así unha das numerosas propostas nas cales se atopa inmerso o Concello da Pobra do Caramiñal en materia medioambiental e que buscan o compromiso da cidadanía e das administracións públicas para loitar contra o cambio climático.
A especie elixida foi o acevo (Ilex aquifolium), que se caracteriza polas súas follas duras e con espiñas nos bordos, flores brancas, froito de cor vermella e tronco de cor clara. A súa madeira empregábase para face-los mangos das ferramentas. Na natureza non está permitido cortala ou arrincala, pois os seus froitos serven de fonte de alimento para numerosos animais durante o inverno.