Saturday 16 de November de 2024

O alcalde e o comisario analizan a situación da cidade


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse esta mañá co comisario xefe da Comisaría local de Santiago, Juan Cástor Vázquez Salgado, trala recente toma de posesión deste último. Na xuntanza tamén estivo o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.

Ambos mandatarios fixeron un repaso dos temas da cidade que ocupan e preocupan a ambas institucións, na primeira xuntanza trala toma de posesión do comisario o pasado mes de agosto.
Entre os temas tratados, os derivados da COVID-19. “Da situación que temos e do que pode vir detrás”, en verbas do rexedor, que vaticina un “cuarto trimestre complexo”, aínda que espera que “a partir da Semana Santa entremos nun escenario moito máis favorable”.

Outro dos asuntos que se abordou na xuntanza foi o das okupacións ilegais de vivendas. “É un problema legal e xudicial”, indicou Bugallo, que escapa das competecias municipais, non obstante, reforzarase a presenza policial “para transmitir confianza e seguridade aos veciños e, por suposto, actuar con eficacia e inmediatez nos casos nos que existan denuncias e se planten problemas concretos”. O comisario comprometeuse a este reforzo e fixo fincapé en que “as okupacións teñen uns resortes xurídicos aos que nos temos que acoller pero as demandas dos cidadáns de Santiago serán atendidas nas mellores condicións”.

Non obstante, o alcalde fixo un chamamento a todos os implicados nestas situación: á hora de poñer fin ás okupacións, “o protagonismo corresponde en primeiro lugar á propiedade porque é a única lexitimada para solicitar o desaloxo, as institucións públicas non podemos solicitar o desaloxo dun edificio privado; e ao xuíz, que é o que ten que resolver”. Engadiu que espera que “a Xustiza habilite procedementos de urxencia, sobre todo nos inmobles que son vivenda habitual e nos casos nos que se xera confilictividade cidadá e veciñal”.

Sánchez Bugallo desexoulle ao comisario, “un vello coñecedor da cidade e dos seus problemas”, o maior éxito nas responsabilidades que asume. Pola súa banda, Juan Cástor Vázquez Salgado agradeceu ao alcalde o acollemento por parte do Concello e a Corporación.