Saturday 16 de November de 2024

Un total de 37 persoas participaron nos cursos de natación do Concello de Frades


Un total de 37 persoas, 28 nenos e nenas e nove persoas adultas, participaron nos Cursos de Natación organizados polo Concello de Frades. Unhas clases que tiveron lugar do 13 de xullo ao 31 agosto nas instalacións da piscina municipal de Frades, que onte pechou as súas portas.
Os concelleiros de Deportes, Juan Carlos Portos Bra; e Piscina Municipal, Jesús Francos Sánchez, foron os encargados de entregar os correspondentes diplomas acreditativos ás persoas participantes: 16 nenos e nenas en iniciación, 12 en perfeccionamento e 9 persoas adultas.
O Concello de Frades quere aproveitar para agradecer o comportamento exemplar da gran maioría das persoas que asistiron ás instalacións respectando as normas contra a Covid-19, sobre todo dos máis pequenos/as, que seguen dando exemplo de bo facer durante estes tempos de pandemia que estamos atravesando.
Durante este mes de setembro comezarán as obras de reparación da piscina municipal, adxudicadas por 98.041,29 euros a Aquanor Augas del Noroeste e que teñen un prazo de execución de seis meses. As obras incluirán o arranxo de tres puntos da instalación: o vaso da piscina, o sistema de depuración e a canaleta perimetral.
Obras a realizar
No caso do vaso da piscina, os defectos no seu illamento e as fugas da canaleta que o rodea provocan un consumo extra de auga para manter o nivel da piscina, o que supón un gasto adicional para a instalación e un desperdicio de auga potable. Os traballos incluirán o picado do azulexo actual, que será substituído por unha plaqueta porcelánica de cor branca, previa impermeabilización e reparación de fisuras no vaso da piscina e no depósito de compensación.
Así mesmo, demolerase a canaleta perimetral actual e será substituída por outra cun circuíto en PVC para a condución da auga ao depósito de compensación. Finalmente, substituiranse os circuítos hidráulicos, as bombas dosificadores e as distintas válvulas do sistema de depuración. Isto permitirá automatizar o sistema, xa que actualmente os defectos que presenta obriga á presenza constante dun operario na instalación para controlar e revisar manualmente o sistema.