Saturday 16 de November de 2024

A EIM Raíña Lupa de Boqueixón comeza o novo curso escolar con todas as medidas de prevención contra a COVID-19


O Concello reforza a limpeza e desinfección nos centros escolares do municipio

A Escola Infantil Municipal (EIM) Raíña Lupa de Boqueixón vén de iniciar hoxe o novo curso poñendo en marcha todos os protocolos de prevención contra a COVID-19. Aulas de convivencia estable, distancias de seguridade, uso de máscara polo persoal e de hidroxel, creación dunha zona sucia antes de entrar á clase, calzado específico para utilizar no centro, reforzo nas tarefas de limpeza e desinfección son algunhas das medidas adoptadas seguindo as indicacións estipuladas dende a Consellería de Política Social.
Co fin de garantir a seguridade das 45 crianzas de 0 a 3 anos matriculadas este ano, estase a realizar unha incorporación escalonada. Deste xeito, hoxe comezaron a metade das nenas e nenos e o resto iranse sumando ás aulas de xeito progresivo ata finais deste mes. Esta primeira xornada desenvolveuse con normalidade.
Ademais das medidas de prevención indicadas con anterioridade, os pais e as nais deberán asinar unha declaración responsable conforme tomarán a temperatura ás crianzas cada día antes de acudir á escola. Se teñen 37,5º ou máis ou se denotan algún síntoma compatible coa COVID-19 (tose, cansazo, dor de cabeza ou dificultade para respirar), non as poderán levar a clase.
Dentro das aulas, cada grupo de convivencia estable contará co seu propio material. As saídas ao patio realizaranse de xeito independente, polo que non coincidirán escolares de diferentes grupos no mesmo espazo. As educadoras da EIM Raíña Lupa incidirán nas rutinas de limpeza e hixiene de mans co alumnado co fin de incrementar as medidas de prevención.
Reforzo da limpeza
Por outra banda, dende a Escola Infantil Municipal realizarase un importante reforzo na limpeza e desinfección do centro. Así, cada hora e media procederase a ventilar as aulas e tamén se realizará a limpeza e desinfección dos espazos e materiais con maior asiduidade.
Estas medidas de optimización das condicións hixiénico-sanitarias dos espazos forman parte das accións desenvolvidas dende o Concello en todos os centros escolares localizados no municipio (a EIM, as Escolas Unitarias e o CPIP). Así, increméntase en 20.000 euros o gasto anual neste tipo de labores.
Dito reforzo estará especialmente centrado no CPIP Antonio Orza Couto, xa que congrega a máis de 250 alumnos e alumnas. Neste centro levaranse a cabo as tarefas correspondentes adaptándoas ás esixencias da actual situación sanitaria.
“Ademais das medidas xerais hixiénico-sanitarias que se tomarán para unha volta segura ás aulas, dende o Concello de Boqueixón quixemos reforzar as tarefas de limpeza e desinfección co fin de garantir a máxima hixiene nestes espazos comúns para o alumnado do CPIP Antonio Orza Couto”, explica o
alcalde, Manuel Fernández Munín.

Unha empresa especializada encargarase de realizar a limpeza e desinfección dos aseos e daquelas zonas susceptibles de ser tocadas por varias persoas até tres veces ao día dentro do horario lectivo. Deste xeito, empregaranse catro horas diarias para estes traballos.