Friday 22 de November de 2024

O Goberno Local de San Sadurniño ofrécelle colaboración á dirección do CPI para un arranque de curso seguro


O alcalde, Secundino García, e maila concelleira Mari Carme Muíño reuníronse o venres á tarde coa directora do CPI de San Sadurniño e con representantes da ANPA e máis da Federación de Anpas de Ferrolterra para falaren sobre o comezo do curso e as medidas de prevención que será necesario poñer en práctica no centro. A dirección do CPI informou ao Concello sobre o protocolo deseñado -que estará dispoñible para as familias o próximo día 7- e trasladoulle ao Goberno local que a principal dificultade será xestionar o uso escalonado do comedor, onde cumprirá establecer quendas cun número máis reducido de alumnado por mor do distanciamento social. Desde o colexio tamén se sinalou a necesidade dunha alternativa a cuberto para os recreos en días de choiva. Neste sentido, desde o Concello deuse como opción o pavillón municipal, sempre e cando sexa a Xunta -con competencias en Educación e Sanidade- quen asuma os labores de limpeza e desinfección obrigatorios ou, polo menos, do seu custe se se encarga deles o Concello. O apoio municipal para un arranque e un desenvolvemento do curso seguros non só se limitou a ofrecer o pavillón, senón que tamén se puxeron a disposición do equipo directivo e nas mesmas condicións outras dependencias municipais, como a Casa da Xuventude ou a Casa da Cultura, para o desdobramento de aulas ou para calquera outra necesidade educativa.

O Concello avoga porque se reduzan as ratios de alumnado en cada aula como maneira de minimizar a posibilidade de contaxios entre a rapazada. Porén, esa decisión é responsabilidade da Consellaría de Educación, que precisaría contratar máis profesorado e repartir os niveis en dúas ou máis aulas, incluso por debaixo da ratio de 25 alumnas e alumnos que, malia a situación sanitaria, segue mantendo a Xunta de Galicia como umbral para o desdobramento, o mesmo que nun curso normal.

En San Sadurniño empezarán a escola dentro duns días un total de 361 alumnas e alumnos: 61 no ciclo de Educación Infantil, 176 en Educación Primaria e 124 no edificio de Secundaria. Canda elas e eles haberá un cadro de 47 persoas entre profesorado -4 en Infantil, 10 en Primaria, 16 en Secundaria, 6 especialistas, 1 orientadora e 2 de relixión- e persoal non docente (8).

A tese da redución do número de crianzas por aula é unha demanda que formulan tamén as anpas, e así quedou patente na xuntanza mantida coa dirección do centro celebrada o pasado venres á tardiña na Casa da Xuventude. Esa ampliación do número de mestras e mestres e o asunto de dividir cursos tampouco é decisión do CPI, que neste momento ten enriba da mesa o reto de organizar o inicio do curso para o próximo 10 de setembro adaptando ás súas necesidades o protocolo xenérico facilitado pola Consellaría de Educación.

O documento específico para o colexio público de San Sadurniño xa estaba listo venres, aínda que agora deberá incorporar as novas directrices autonómicas que se coñeceron hoxe mesmo e que incorporan as instrucións acordadas no seo do Consello Interterritorial de Saúde. En calquera caso, o texto completo e definitivo do protocolo estará dispoñible desde o día 7 de setembro a través da web do centro.

Na reunión do venres, a dirección do colexio trasladoulle ao Concello información das principais accións organizativas e hixiénicas para previr contaxios do coronavirus. Entradas e saídas escalonadas, hixiene de mans e mascarilla a partir dos seis anos e recomendable tamén para as crianzas máis pequenas, desinfeccións tres veces na mañá de varandas e aseos, ventilación das aulas antes da entrada do alumnado, desinfección do material común, limpeza e desinfección de todas as estancias durante a tarde, limitación dos movementos dentro da clase, percorridos marcados…, etc., son só algunhas das medidas preventivas que haberá que cumprir no centro onde, polo menos durante este primeiro trimestre, tamén se suspenderán as actividades extraescolares.

Ademais, nos primeiros días do curso -que comeza o 10 e 11 de setembro nos ciclos inferiores e a partir do 16 en secundaria- tamén se traballarán nas aulas distintas competencias dixitais que preparen ao alumnado -e ao profesorado- para compartir clases non presenciais ante un eventual novo confinamento ou posibles corentenas que cumpra gardar.

Comedor e recreos
A principal dificultade que ven no centro para a aplicación práctica do protocolo é a relativa ao comedor, que distribuirá os xantares en tres quendas comprendidas entre as 13.15 e as 15.20h. Búscase deste xeito manter a separación interpersoal entre comensais e evitar que cadren no mesmo espazo todos os alumnos e alumnas usuarias, que poden chegar ata as 300 segundo as estimacións da dirección do colexio. “Tal e como nos comentaron na reunión, o problema que atopan na escola é, por un lado, axeitar os horarios do comedor entre a xornada lectiva e a hora de saída do transporte. As nenas e nenos teñen que ter tempo suficiente para comer e o profesorado e o persoal de cociña e de colaboración tamén ten que ter tempo para organizar os cambios de quenda con total seguridade”, comenta Secundino García. “Por outro lado tampouco hai espazos anexos que permitan facer un desdobramento do comedor, nin suficientes colaboradores para poder atender a cativería distribuída en distintas estancias”, indica o alcalde citando as conversas mantidas coa dirección do centro.

Outro dos problemas que se lle terían trasladado ao Goberno local no encontro celebrado o venres coa dirección, coa ANPA e coa Federación de Anpas de Ferrolterra, é o de como proceder durante os recreos cando vaia mal tempo. Aí o Concello ofreceu a posibilidade de empregar o pavillón municipal con esa finalidade “e para calquera outra que precise o colexio”, asegurou o alcalde.

Secundino García puntualiza, iso si, que, en aplicación das medidas preventivas, “deberá ser a Xunta de Galicia quen asuma a limpeza e desinfección do espazo, ben efectuando os traballos pola súa conta ou compensando economicamente o sobrecusto que lle supoña ao Concello. Iso é algo que quedou claro na xuntanza e esperamos que a Consellaría de Educación ou a de Sanidade, as únicas que teñen competencias neste caso, o teñan claro tamén”.

Baixo esta premisa de que “a Xunta asuma as súas competencias en vez de pretender que as asumamos os concellos”, o alcalde tamén lle ofreceu á dirección do centro dependencias como a da Casa da Xuventude ou a Casa da Cultura “para ampliar o espazo lectivo ou para facer actividades, se o consideran necesario por razóns de seguridade preventiva”.

O Goberno local, na mesma liña que a federación galega de Anpas e os principais sindicatos do ensino, considera que o inicio do curso “non está suficientemente claro en canto a prevención”. Secundino García criticou que “se descargue no profesorado unha responsabilidade enorme partindo dun protocolo moi xenérico. A Xunta tivo todo o verán para pensar na volta á escola e agora atopamos que ten case todos os deberes sen facer. Hoxe á tarde soubemos que se vai escalonar o regreso en infantil e primaria entre o 10 e o 11 de setembro e en secundaria a partir do 16, que tampouco parece moito cambio con respecto ao que xa había, e tamén se anunciaron cambios no protocolo para introducir os acordos do Consello Interterritorial de Saúde, de xeito que os colexios deberán introducir modificacións, aínda que sexan mínimas, para adaptarse ás novas directrices. Nestas circunstancias coido que é precipitado volver ás aulas. A Xunta debería repensar a súa postura e pospoñer o comezo do curso como xa fixeron noutras partes do Estado”.

A este respecto, García coincide coas demandas sindicais e das asociacións de nais e pais -incluída a de San Sadurniño- reclamando que se contrate máis profesorado para poder desdobrar aulas. “A petición dunha ratio máis baixa no ensino é unha demanda que se repite todos os anos, e agora é máis necesaria que nunca”, dixo o alcalde.