Friday 22 de November de 2024

A estación de autobuses do Concello de Noia mellora a súa funcionalidade tras completar a súa rehabilitación


A obra que acaba de rematar centrouse na consolidación do terreo de cimentación // A conselleira de Infraestruturas e o alcalde da localidade visitaron o espazo esta mañá

A rehabilitación acometida na estación de autobuses do Concello de Noia mellora a funcionalidade deste servizo que, antes da pandemia da Covid-19, rexistraba 200.000 viaxeiros ao longo dun ano. A execución deste proxecto, financiado pola consellería de Infraestruturas, implica unha importante remodelación funcional e estética da instalación. Esta mañá o alcalde de Noia, a conselleira de Infraestruturas, a concelleira de Xuventude e o concelleiro de Obras visitaron a estación para supervisar o resultado final da rehabilitación deste espazo. Santiago Freire, alcalde de Noia, salientou que “estas obras adaptan as instalacións ás necesidades actuais, tanto dos viaxeiros como das empresas que traballan aquí.
Trátase dun proxecto que mellora a funcionalidade deste servizo, que grazas á reforma que se vén de acometer se poderá prestar ao longo dos próximos anos”. Pola súa banda, Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, destacou que “estas obras, que comezaron no 2017, supoñen unha rehabilitación profunda para que os usuarios  teñan unha estación máis accesible, funcional e eficiente”.
A reforma supuxo unha inversión da Xunta de Galicia de máis de 270.00 euros, que se suma aos traballos realizados en 2017 para acondicionar a fachada, cun orzamento de 180.000 euros. A actuación que acaba de rematar consistiu na consolidación do terreo da cimentación, posto que a estación se construíu en 1993 e estaba asentada sobre recheos e depósitos de marismas. Asemade, executáronse melloras sobre a cuberta, reforzáronse as baixantes pluviais, instalouse unha nova caldeira, pintouse,
melloráronse as carpinterías metálicas e os selados das instalacións e acometéronse actuacións co obxectivo de converter a estación nun espazo máis accesible.