Vou Films estreará a súa próxima curta neste sábado 5, ás 20.30 horas, no cine Elma. Baixo o título As peixeiras narra o labor destas mulleres na época da posguerra e continúa a saga iniciada con As lavandeiras e seguida por As costureiras. Ao acto de presentación asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, o director e guionista do filme, Lois Basallo, e a responsable de produción, Adrianna Rego.
A edil destacou que se trata dunha saga de curtametraxes da temática feminina, constituíndo As peixeiras a terceira da primeira triloxía. Ademais, fixo fincapé en que durante o evento se seguirá o protocolo sanitario establecido por mor da COVID-19.
Pola súa parte, Lois Basallo indicou que este é o terceiro proxecto de seis que teñen previsto desenvolver e que se gravou ao 90% na localidade. Nesta ocasión tocan "un tema moi noso, tan galego, que está vencellado ás mulleres que dentro da propia familia axudaban aos mariñeiros", e mestúranse elementos fantásticos e realidade. Así mesmo, anunciou que o próximo filme será As leiteiras.
Debido á situación que estamos vivindo, será preciso reservar entrada, tal e como explicou Adrianna Rego, a través do teléfono de contacto 981831545, de luns a venres, en horario de 19.00 a 21.00 horas. Con motivo da limitación da cabida no Elma, non se descarta a organización dunha segunda sesión para outra data por determinar. A proxección contará coa participación da maior parte do elenco de actrices e actores: Alba Bermúdez, Carlos Villarino e Uxía López.
Se ben Brais Abad e Gloria Ferreiro non estarán presentes, mandarán unha mensaxe especial.
Na súa intervención, o rexedor agradeceu o traballo de Vou Films, reafirmándose en que contarán co apoio do Concello, pois insistiu na "calidade do produto" que ofrecen e en que "foron sempre un éxito rotundo."