Hoxe arrincou a primeira fase do Plan de choque para a limpeza e desinfección en profundidade de todos os barrios da cidade, que comeza polas zonas con maior densidade de poboación
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada da concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, presentou esta mañá a primeira fase do Plan de choque para a limpeza e desinfección en profundidade de toda a cidade.
Rey asegurou que o Goberno local estivo tramitando esta iniciativa “durante meses”, co fin de poder “sacar adiante unha necesidade urxente para a cidade da Coruña, logo de máis de dous anos co contrato de limpeza en precario”.
Hoxe comezou esta primeira fase, cun orzamento de 256.000 euros do total dos máis de 600.000 euros deste convenio asinado con Tragsa, desde o Castelo de Santo Antón ata a Autoridade Portuaria, que se estenderá ata o vindeiro 3 de outubro polas zonas da cidade “con maior densidade de poboación, como Monte Alto, Matogrande, o barrio da Agra ou os Mallos ou Os Rosales, ademais de todo o Paseo Marítimo, praza de Pontevedra, praza de Lugo, praza de Galicia e praza de Vigo, e zonas en que se concentren máis locais de hostalaría”. A rexedora tamén se referiu ás quendas de traballo, que “serán desde as 07.00 até as 15.00 h, evitaranse os labores de limpeza e desinfección pola noite para non molestar os veciños e veciñas e empregarase a maquinaria coa máxima eficacia”.
Rey sinalou que o obxectivo “é que nas zonas da cidade con grande afluencia de xente se mellore a limpeza, a imaxe do espazo urbano e, sobre todo, que se limpe de forma intensiva o mobiliario urbano , as prazas, as beirarrúas, marquesiñas, manchas, malas herbas, costras, pegotes… en definitiva, en zonas onde xa hai moito tempo que é necesario reforzar esa limpeza en profundidade”. Tamén matizou que se van “baldear as zonas con máis afluencia de persoas cunha solución desinfectante” para evitar a propagación da COVID-19.
Durante a primeira fase traballarán na cidade dez vehículos máis: tres baldeadoras, tres camións cisterna e catro vehículos lixeiros. Ademais dun equipo de 24 persoas: seis condutores/as, doce peóns, dous capataces, dous xefes e dúas persoas asociadas do concello, medio que coordinará a faena. Este persoal contratado a través do plan actuará coordinado co cadro de persoal dos servizos ordinarios.
A alcaldesa quíxolle agradecer á concelleira Esther Fontán “todo o traballo realizado durante estes meses para que este plan puidese saír adiante. Tamén a todo o persoal da Concellería de Medio Ambiente, á empresa Tragsa e as e os traballadores que durante este mes farán que a cidade en xeral ofreza un mellor
aspecto e máis salubre”.