Monday 25 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño solicítalle á Xunta a ampliación do paso peonil da ponte sobre o Xubia


A ponte da AC-862 en Cornide é a principal vía de comunicación a pé entre este núcleo e o centro urbano. De feito, aló polo 2008, a Xunta de Galicia, como titular da estrada, construiu unha senda peonil de 1 Km pola marxe dereita que enlaza coas beirarrúas do Casal. Incluso se colocou unha pasarela de madeira de case 100 metros de lonxitude para salvar o ribazo do mesón O Muíño do Pepe (o antigo muíño de Mera). A obra mellorou a seguridade das ducias de viandantes que percorren a zona cada día. Pero quedou algo pendente: facer máis accesible xusto o tramo da ponte sobre o Xubia, por onde cómpre pasar de unha en unha persoa e por onde non poden cruzar cadeiras de rodas. O Concello xa manifestara a necesidade dunha solución en conversas informais con responsables da demarcación de estradas da Xunta e hai uns días remitíuselle a AXI unha carta solicitando formalmente que se lle dea ao paso da ponte o mesmo ancho que ten o resto da senda peonil.

No escrito dirixido á Axencia Galega de Infraestruturas explícase que os pasos peonís da ponte “son moi estreitos e só permiten o paso dunha persoa”, razón pola que supoñen “un obstáculo importante, que dificulta a mobilidade e mesmo pode xerar situacións de perigo”.

Quen vén de Cornide cara ao centro urbano ou para entrar no paseo fluvial -ou quen fai o camiño á inversa- atopa que o camiño se estreita xusto na ponte. A beiravía é alí un carreiro de cemento onde, ademais, no seu día se instalaron os soportes metálicos da bionda que o separan da estrada, reducindo aínda máis o espazo dispoñible.

Corrixir o problema só ten como solución ampliar a plataforma nuns centímetros, o que permitiría incrementar considerablemente o ancho para o paso de viandantes. A petición do Concello céntrase en que a axencia de infraestruturas busque unha solución para este tramo de 20 metros, que supón un embude e un problema grave de accesibilidade nun percorrido de case un quilómetro de distancia.

Arranxos na plataforma de madeira
A senda peonil da AC-862 é unha vía moi empregada pola veciñanza da zona para os seus desprazamentos diarios, pero tamén é lugar frecuentado por paseantes e deportistas que despois proseguen o seu camiño polo paseo fluvial do Xubia.

Cando se fixo a senda peonil houbo que solventar outro problema: facer un paso que salvase o desnivel ao pé do antigo muíño de Mera. A solución técnica adoptada pola Xunta foi construír unha estada de madeira tratada que nos últimos tempos requiriu varias operacións de mantemento, asumidas integramente polo Concello. A última, hai tan só uns días, obrigou a substituír varias táboas do chan que ameazaban con esfondarse. Segundo o alcalde, Secundino García, “a plataforma de madeira é unha infraestrutura de titularidade autonómica, polo que debería ser a AXI quen se encargase de mantela en perfectas condicións”.