Friday 22 de November de 2024

Máis de 100 nenos e nenas participaron nos campamentos de verán do Concello de Camariñas


Dividíronse entre o Obradoiro de Conciliación e o de Actividades Náuticas.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, clausuraron hoxe os campamentos de verán nos que participaron 109 nenos e nenas, divididos entre os Obradoiros de
Conciliación e as Actividades Náuticas, que comezaron o 25 de xuño e se levaron a cabo aplicando un completo protocolo de seguridade para evitar contaxios por Coronavirus.
Fabián Canosa destacou que “todo transcorreu ben, cumprindo tanto os monitores como os participantes todas as medidas do protocolo e tamén acadouse o obxectivo principal das actividades: darlle unha opción ás familias de conciliar e permitindo gozar aos nenos e nenas de Camariñas de
actividades ao aire libre no verán”.
As actividades desenvolvéronse de luns a venres, de 10 a 13:30 horas, integramente na parroquia de Camariñas, nas diferentes instalacións coas que conta o Concello: as aulas do CEIP O AREAL, o Pavillón Polideportivo Municipal “Víctor Vigo”, o Club Náutico de Camariñas (actividades náuticas)…
Programáronse catro quendas: do 6 ao 20 de xullo (o 16 non hai clase), do 21 de xullo ao 3 de agosto, do 4 ao 17 de agosto e do 18 ao 31 de agosto.
O protocolo
O protocolo incluía especificacións para a entrada e saída nas actividades, a adaptación das actividades, as medidas de control e prevención da transmisión, as medidas persoais de hixiene, os desprazamentos á
actividade e unha serie de recomendacións para os asistentes. Estas normas eran de obrigado cumprimento por parte dos organizadores e das persoas participantes e familias.

Por exemplo, no caso das entradas e saídas había que levar posta a máscara e os monitores indicaban a obriga de pasar pola zona de desinfección e de medición da temperatura. Neste espazo hixienizábanse as
mans e o calzado.
No desenvolvemento das actividades evitáronse aquelas que implicaban contacto físico constante e utilizáronse máscaras sempre que non se podía manter a distancia social. Non houbo viaxes e excursións que implicasen desprazamentos en autobús.
Nos obradoiros, os espazos pechados estaban reorganizados de tal forma que se aseguraba o correcto cumprimento das medidas de distanciamento social.
Ademais, todas as persoas con síntomas (tose, febre ou dificultade respiratoria) debían ser inmediatamente identificados e notificados ás súas familias.