Saturday 16 de November de 2024

A Plataforma Ribeira Store entra en funcionamento con 129 negocios adheridos


Ribeira Store xa é unha realidade. A presentación na praza consistorial da plataforma  de comercio electrónico do Concello de Ribeira marca o arranque dunha etapa na que, en palabras do alcalde Manuel Ruiz, “tan só cun móbil ou un ordenador os veciños poden mercar os produtos e servizos dos comerciantes que están ao seu carón”.
O marketplace ribeirense inicia a súa andaina cun total de 129 negocios adscritos á plataforma e a posibilidade de adquirir a día de hoxe 593 artigos diferentes (máis de 900 no caso de que se inclúa as distintas variedades de cada un dos mesmos). Todo, en www.ribeirastore.com, dispoñible tanto en galego como en castelá.
Tal e como recordou a concelleira Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, durante o acto de presentación, a idea de lanzar esta plataforma xurdiu durante o confinamento como unha forma de axudar aos nosos empresarios e autónomos nuns tempos nos que os seus ingresos se viron mermados drasticamente.
Posicionamento
A edil avanzou que logo de dous meses realizando unha campaña de captación se vai poñer en marcha agora unha campaña de marketing dixital para posicionar a plataforma en Internet, en tanto que o seu colega da área de Promoción Económica, Ramón Doval, salientou que Ribeira Store está aquí para quedarse.
Edelmiro Justo, de TokApp —a empresa responsable de desenvolver o market place—, explicou que o lanzamento de Ribeira Store é a primeira fase dun plan que contempla tamén a próxima posta en marcha dunha aplicación móbil (que, entre outras prestacións, levará integrada a propia e-commerce) así como a construción dunha nova páxina web institucional máis amable, potente, versátil e intuitiva que a actual.
O emprendedor tamén fixo unha sinxela demostración de como funciona Ribeira Store, onde se pode buscar tanto por produtos como por comercios e inclúe a posibilidade de realizar ofertas e promocións tal e como de feito teñen realizado xa varias tendas. A ferramenta inclúe o envío a casa da mercancía adquirida con dous modalidades (24-48 horas e 48-72 horas).
O alcalde Manuel Ruiz quixo expresar o seu agradecemento aos grupos que fixeron posible esta iniciativa co seu apoio ao Plan Reactiva Ribeira e aos orzamentos deste exercicio. Así mesmo, recordou que é o Concello quen afronta os gastos de mantemento sendo gratuíta para os vendedores e incidiu na importancia de se manteña viva incorporando novos produtos e comercios.