Desde o confinamento intensificáronse as xestións para que as empresas dean servizo en todos os núcleos.
O Concello de Miño, a través da concellería de Novas Tecnoloxías e Sociedade Dixital, traballa para facer accesible Internet en todos os núcleos. Desde o confinamento intensificáronse as xestións para que as empresas dean servizo en todos os núcleos. “Se antes xa era unha necesidade, a raíz do confinamento púxose aínda máis de manifesto que internet é unha subministración tan importante como a electricidade ou o teléfono”, declara Manuel Vázquez Faraldo, quen engade que “queremos que todo o territorio de Miño poida acceder, as zonas rurais teñen dereito e necesidade igual que o centro urbano”. O teletraballo e o ensino on- line fixeron máis visible a fenda dixital en moitas zonas, limitando en gran parte a igualdade dos residentes nelas ata o punto de que o propio Concello tivo que facilitar tarxetas da internet aos escolares para que puidesen seguir as clases virtuais.
As xestións do Concello conseguiron polo momento que as empresas estendesen fibra óptica non prevista na Modia (San Xoán) desde o despregamento da estrada Perbes- Campolongo, en Sambollo (Perbes) desde outro próximo despregamento, para catro vivendas que se deixaban illadas no despregamento de Buiña.
Tamén se deu saída a permisos municipais necesarios para ampliar rede, atascados desde a anterior lexislatura, e dáse prioridade aos que chegaron desde xuño de 2019. Doutra banda tamén se asesora aos miñenses que aínda carecen da internet por causas achacables ás empresas, e infórmaselles de posibles solucións.