Thursday 21 de November de 2024

Vimianzo recibe a concesión provisional para o proxecto da Traslatio e Camiños de Santiago nas terras dos Condes de Altamira


A administración local solicitou unha subvención para desenvolver un proxecto transversal e participado dentro de ‘O Teu Xacobeo’, e chegar así a diferentes colectivos de Vimianzo e Galicia.
O Concello de Vimianzo recibiu a concesión provisional para o proxecto da Traslatio e Camiños de Santiago nas terras dos Condes de Altamira. A administración local solicitou unha subvención para desenvolver un proxecto transversal e participado dentro de ‘O Teu Xacobeo’, e chegar así a diferentes colectivos de Vimianzo.
Para desenvolver o compendio de actividades que se prevén, o orzamento total do que se disporá ascende a 20.000 euros, dos que o 60% estarán subvencionados por ‘O Teu Xacobeo’.
Celebraranse, entre os meses de setembro de decembro de 2020 e de xaneiro a setembro de 2021, sempre e cando o contexto sanitario o permita, actividades nos eidos artísticos, de patrimonio e pensamento, deportivo e social, con proxección internacional e vencellado á Traslatio de Cereixo e aos Camiños de Santiago nas terras dos Condes de Altamira, en conexión co Castelo de Vimianzo. Serán actividades como obradoiros de fotografía, andainas, visitas guiadas, exposicións, teatros ou seráns musicais.
Os obxectivos deste proxecto son a participación nas accións de promoción do Ano Santo Xacobeo 2021 e destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago, para a promoción e potenciación de Galicia; promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística
contemporánea; fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, especialmente entre a xente nova; contribuír á construción da cultura común europea a través dos Camiños de Santiago, reforzar a súa dimensión internacional e construír un legado que repercuta no afianzamento dos seus valores; impulsar o desenvolvemento sustentable das áreas rurais e potenciar o efecto económico xerador de riqueza dos Camiños de Santiago; potenciar o intercambio cultural e a reflexión en relación ao Camiño de Santiago; apostar por novas fórmulas de difusión e contidos innovadores que poñan en valor a esencia do Camiño ou dar voz e recompilar histories e experiencias que se xeren ao longo desta vía peregrina.
Desde o Concello, recalcan a ‘importancia de poñer en valor o noso patrimonio cultura, moitas veces descoñecido e de incalculable valor inmaterial. Estaremos pendentes da evolución da situación sanitaria para corroborar que todo se celebre con estritas medidas de seguridade’, sinalan.
Teranse en conta outros puntos de Vimianzo
Ademais da contorna de Cereixo, xa que na súa igrexa atopamos o Tímpano, as actividades centrarán a súa atención tamén na ermida de Castrobuxán e a capela da Peregrina da Lagoa, xa que hai estudios que albergan a posibilidade da existencia no pasado dunha vía que conectase Santiago con Cereixo e que pasasen por estes enclaves. Faranse dúas andainas e tamén está previsto facer unha viaxe a distintos puntos xacobeos da Costa da Morte, así como ata Padrón, moi vencellado este municipio coa temática da Traslatio.
O santuario da Virxe da Barca atópase a 16 quilómetros de Cereixo, e ambos puntos comparten a mesma ría. A lenda da Virxe da Barca está relacionada coa Traslatio, e tamén se apunta a que os portos desta costa recibiran peregrinos que emprendían camiño cara a Santiago, tal e como recolle José María Lema na súa obra ‘A arte relixiosa na Terra de Soneira’, ao falar da ermida de Castrobuxán.