A concelleira de Medio Ambiente explicou que o concello apoiará sempre este tipo de iniciativas co fin de que a cidadanía contribúa a xerar esta economía circular tan necesaria
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asistiu esta mañá ao peche da campaña “Circula a túa lata”, que patrocina Estrella Galicia, en que falou da importancia deste tipo de accións que o Goberno local de Inés Rey apoiará sempre porque “se necesita concienciar a veciñanza da reciclaxe de todo o material que nos rodea”. No caso destes envases, a edila sinalou que se aproveita un 85%, “oito de cada dez latas estanse reciclando”, pero cómpre recordar que hainas que despositar no contedor destinado ao inorgánico ao seren separadas na planta de Nostián: “Isto evita un consumo do 70% de auga e do 95% de enerxía e elimina a pegada de carbono. Toda a lata é reciclable”.
A concelleira valorou o labor das e dos que foron estes días polas praias para falaren coas persoas usuarias co fin de que contribúan de maneira eficiente e responsable a xerar esta economía circular e engadiu que tamén as empresas deben concienciarse sobre o tema. Neste aspecto, o coordinador da iniciativa en Galicia, David Iglesias, agradeceulle ao Concello que apoiara unha campaña que remata este domingo, en que se busca un 100% de reciclaxe e que será a primeira de moitas iniciativas. Tamén destacou a cooperación de particulares que fixeron visibles as máis de 500 enquisas que analizarán nos vindeiros días.