A concelleira de Benestar Social, María José Pose, acompañou aos pequenos nesta derradeira xornada.
O Concello de Vimianzo despediu hoxe as actividades do ‘Concilia Vimiverán’ cunha clausura chea de emotividade, e onde a rapazada fixo gala das habilidades adquiridas durante o desenvolvemento desta actividade coa realización dunhas pancartas nas que se podía observar a súa destreza artística. Foron deseñadas exclusivamente para a ocasión e ter así unha bonita lembranza do que supuxo este particular verán para eles e elas.
Baixo estritas medidas de seguridade, casi un centenar de rapazas e rapaces puideron gozar destas actividades durante todo o verán, por quendas e grupos en distintos escenarios do municipio; a destacar Vimianzo, Carantoña e Baíñas.
A concelleira de Benestar Social, María José Pose, acompañou aos máis pequenos nesta derradeira xornada, e fixeron entrega dun obsequio a cada nena e cada neno. Quixo agradecerlles ‘o seu inmellorable comportamento durante todo o Vimiverán, xa que este ano tivemos que organizalo en condicións moi diferentes ao que estamos acostumados e a vosa resposta foi incrible. Agradezo tamén desde o Concello a labor dos técnicos municipais e dos monitores e monitoras, sin os cales non podería ser posible que todo saíra tan ben como así foi’, subliñou. Beatriz Mato, a directora de Desenvolemento Corporativo e Sustentabilidade de Greenalia, fixo entrega de material escolar á rapazada vimiancesa, logo do acordo acadado polo goberno local o pasado mes de xuño. Mato agradeceu ‘ao Concello de Vimianzo a súa implicación a nivel medio ambiental, así como aos rapaces e rapazas polo seu compromiso, e aos monitores e monitoras pola súa indispensable tarefa’, destacou.