O Concello de Lousame celebrou unha xincana pola igualdade no marco do programa ‘Concilia de Verán’. Os encargados de dirixir e deseñar esta actividade foron seis mozos e mozas da localidade, que son parte activa do Programa de Voluntariado Xuvenil do Concello.
A xincana consistiu nun circuíto con varias probas de habilidade e actividades físicas de carácter lúdico, cos que se puxo a proba as capacidades de nenos e nenas por igual, sen distinción de sexo. Ao longo de toda a xornada, o equipo de monitores puxo o foco sobre valores como o respecto e o bo trato entre iguais.
A xornada desenvolveuse no Pavillón municipal de deportes Pilar Barreiro Senra, e nela participou tamén a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo. A edila agradeceu aos voluntarios a súa implicación, e destacou “o labor de todos os monitores e técnicos do Concello, xa que a conciliación é unha realidade en Lousame grazas a este tipo de actividades”.