As persoas interesadas nestes cursos, que se impartirán en liña desde setembro até decembro, xa se poden inscribir no portal web municipal: https://www.coruna.gal/empresa/gl/formacion-empresarial
A Concellería de Innovación, Industria, Emprego e Consumo pon en marcha novos talleres formativos e gratuítos dirixidos tanto a persoas emprendedoras que queiran poñer en marcha a súa idea de negocio como a persoas traballadoras autónomas, comerciantes e empresariado en xeral.
Esta iniciativa vén a complementar as distintas actuacións que está desenvolvendo o Concello da Coruña a través do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO), de apoio a autónomos/ as e micropemes.
O obxectivo xeral destes talleres é facilitar ás persoas emprendedoras e promotoras de pequenas iniciativas empresariais e a aquelas que xa teñen en marcha a súa empresa os coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver e consolidar a súa idea de negocio, apoiando desta maneira a creación e mantemento de iniciativas emprendedoras e de emprendemento na cidade da Coruña.
Trátase de talleres formativos de carácter gratuíto e de curta duración que se impartirán en liña entre os meses de setembro e decembro, e que se agrupan en cinco bloques temáticos. Así, os talleres previstos son os seguintes:
Área de creación e desenvolvemento de proxectos empresariais:
– Claves para deseñar un modelo de negocio economicamente viable (8 horas).
Inicio previsto: 10 de setembro
– Emprender proxectos en liña (10 horas). Inicio previsto: 17 de setembro
– Elaboración de estudos de mercado (6 horas). Inicio previsto: 22 de setembro
– Elaboración do plan de empresa (15 horas). Inicio previsto: 24 de setembro
Área de comunicación:
– Como presentar o teu proxecto en público (8 horas). Inicio previsto: 1 de outubro
– Estratexias para captar novos clientes (8 horas). Inicio previsto: 22 de outubro
– Resolución de conflitos con clientes (8 horas). Inicio previsto: 29 de outubro
Área de administración e xestión de empresas:
– Fiscalidade básica para emprendedores (8 horas). Inicio previsto: 13 de outubro
– Introdución á contratación pública. A plataforma de contratación do sector público (10 horas). Inicio previsto: 12 de novembro
– Que teño que saber para a miña empresa cumpra coa Lei orgánica de protección de datos (8 horas). Inicio previsto: 26 de novembro
– Contratación laboral, básico (8 horas). Inicio previsto: 1 de decembro
Área de novas tecnoloxías:
– Ciberseguridade na empresa (7 horas). Inicio previsto: 8 de outubro
– Ferramentas de Google para emprendedores e empresas (10 horas). Inicio previsto: 27 de outubro
– Certificado dixital para pemes e autónomos (4 horas). Inicio previsto: 24 de novembro
Área de idiomas:
– Chinés, primeiros pasos (6 horas). Inicio previsto: 20 de outubro
– Inglés comercial básico (10 horas). Inicio previsto: 3 de novembro
– Inglés comercial medio (15 horas). Inicio previsto: 17 de novembro
Nota de Prensa
– Alemán comercial básico (10 horas). Inicio previsto: 19 de novembro
As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición. Ademais, as persoas participantes que realicen as tarefas propostas e superen os exercicios de avaliación recibirán un diploma acreditativo da realización de cada un dos talleres.
O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas poden inscribirse desde a web: https://www.coruna.gal/empresa/gl/formacion-empresarial