Sunday 24 de November de 2024

A Xunta programa 11 actuacións escénicas e musicais a través de “Cultura no Camiño+” en concellos da área da Coruña


Os concellos de Cambre, Carral, Culleredo, Miño e Mesía acollerán propostas culturais en vindeiras datas
Os concellos Cambre, Carral, Culleredo e Mesía acollerán nos vindeiros días 11 propostas culturais da man de Cultura no Camiño+, o ciclo impulsado pola Xunta de Galicia que ata o 15 de outubro celebra a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a preto de 150 de concellos de toda Galicia, 44 deles na provincia da Coruña, no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis.
Grazas a estas axudas, Carral acollerá un concerto de Talabarte o día 29 na piscina municipal a partir das 22,00 h. e o local de Xente Nova de Tabeaio será o escenario da obra de teatro Animais de compañía o 26 de setembro ás 19,00 h. Pola súa banda, Cambre acollerá catro espectáculos en setembro: o primeiro será o concerto o día 11 ás 21,00 h. no parque da igrexa de Black, ao día seguinte haberá música ás 17,00 h. na praza Casares Quiroga a cargo de Pulpiño Viascón e nesa mesma xornada desenvolverase o espectáculo de novo circo 4.0 de Sue Moreno no parque Ramón Barba ás 19,00 h. Pechará o ciclo en Cambre a actuación de circo Jano sen medidas o día 26 ás 18,00 h. na praza Casares Quiroga.
Mesía acollerá a maxia do Mago Teto o 18 de setembro ás 19,00 h. na praza do Concello e Miño o concerto de Odaiko o día 31 de agosto ás 13,00 h. na praza do Parchís. Así mesmo, Culleredo ten programados catro eventos ao abeiro deste Cultura no Camiño+ no auditorio do edificio de servizos mútliples: a obra de teatro Sós o día 24 de setembro ás 20,30 h., a peza teatral O Valo o día 27 ás 12,00 h. e Elisa e Marcela o día 29 ás 20,30 h. Pecha o ciclo en Culleredo o concerto de Black o día 1 de outubro ás 20,30 h.
Cómpre lembrar que as anteriores convocatorias dese ciclo centrábanse exclusivamente nos concellos situados no Camiño de Santiago, pero este ano ábrese a todos os municipios grazas ao incremento en máis do triplo da dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto. Así, ofreceranse arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.
Dinamización e descentralización cultural
Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.