Thursday 21 de November de 2024

O proxecto Arte Ambulante volve a San Sadurniño cunha exposición e dous obradoiros creativos


A iniciativa está promovida pola Asociación de artistas profesionais de Galicia A Colectiva, coa colaboración da Deputación da Coruña

 

A asociación de artistas A Colectiva agrupa creadoras e creadores profesionais de toda Galicia e de practicamente todas as disciplinas. Un dos seus eixos de traballo é a promoción da arte actual tamén nos pequenos concellos do rural que habitualmente quedan fóra dos grandes circuítos e centros expositivos. Esa é a esencia do seu proxecto Arte Ambulante, que leva as coleccións máis novidosas a espazos pouco afeitos a acolleren propostas de vangarda. Pero non só iso, senón que A Colectiva tamén convida á veciñanza a participar, a integrarse na xénese conceptual e no desenvolvemento de obras que sexan resultado desa filosofía democratizadora da arte. O proxecto -financiado pola Deputación da Coruña- chegará a San Sadurniño dentro de moi poucos días en forma de exposición e de dous obradoiros, un sobre fotografía de grande formato e outro de videodanza, para os que xa está aberto o período de inscrición no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 981 490 027. As prazas son limitadas.

Este é o segundo ano que Arte Ambulante fai parada en San Sadurniño. O sábado 12 de setembro ás 12.00h. abrirá na Casa do Concello e no recibidor da Casa da Cultura a exposición na que se xuntan obras dos convidados e convidadas a esta edición: Eugenia Cuéllar e Juan de la Colina (pintura); Jesús Caballero e David Catá (fotografía); Iria do Castelo e Mauro Trastoy (escultura); Félix Fernández e Belén Montero (vídeo); Cillas Rodríguez e Ana Cabanes (instalación).

Son pezas arriscadas que cómpre mirar e remirar para tirar delas múltiples significados, cadaquén os que perciba, aínda que na sesión inaugural da mostra tamén haberá unha visita guiada que axudará a comprender mellor a mensaxe que se nos lanza e de que maneira esta se relaciona co universo creativo do seu autor ou autora.

Para acudir á inauguración e participar no percorrido explicativo fará falla reserva previa chamando ao Concello ou mandándolle un correo ao técnico de Cultura. O sábado 26 de setembro, último día da exposición, haberá outra visita guiada tamén ás 12.00h e, de igual modo, será obrigatorio reservar. O resto dos días en que Arte Ambulante estará en San Sadurniño poderemos achegarnos á Casa do Concello e á Casa da Cultura nos horarios de atención ao público, é dicir, de 8.30 a 14.30h de luns a venres.

Os obradoiros
O primeiro taller asociado a Arte Ambulante desenvolverase os días 12 e 13 de setembro entre as 10 e as 13.00h. dirixido polo fotógrafo Jesús Caballero Varela. O experto iniciaranos na fotografía de grande formato para retratos en exterior e para fotografía de paisaxe e arquitectura. O lugar elixido é o castelo de Naraío, escenario no que Caballero nos explicará os conceptos e técnicas básicas para, deseguido, meternos ao lío de fotografar manexando varios modelos de cámaras. Non fai falla levar nada, xa que o material vai incluído, ademais dunha copia do traballo que fagamos.

Para este curso acelerado de dous días ofértanse 10 prazas gratuítas para maiores de 15 anos que se cubrirán por orde de inscrición e dándolle prioridade a persoas empadroadas en San Sadurniño.

O outro obradoiro titúlase “Danza_SanSa” e estará coordinado pola realizadora Belén Montero, quen xa impartira en 2017 unha actividade de montaxe con teléfonos móbiles no marco do Chanfaina Lab dese ano. A idea agora é un chisco diferente, posto que se traballará mesturando o corpo en movemento co audiovisual como introdución á videodanza, unha disciplina dacabalo entre ambas artes. Prepararanse coreografías, planificarase a escenografía e gravaranse varias pezas que logo se han publicar nas redes sociais.

O taller terá lugar na Casa da Cultura o 19 e o 20 de setembro entre as 10.30 e as 13.30h. e hai 12 prazas dispoñibles para maiores de 8 anos. Neste caso será necesario traer ordenador e teléfono móbil ou táblet cun software de edición preinstalado e suficiente espazo en disco duro para gravar, montar e almacenar os vídeos finais. No dossier facilitado por A Colectiva tamén se recomenda levar roupa cómoda.

As inscricións nestes dous obradoiros, sobra dicilo, hai que facelas chamando ao 981 490 027 en horario de mañá ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.